Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral, prepara a súa edición de 2026

OurenseXa
Será os días 11 e 12 de marzo en Expourense
previsel-expourense
30 Jan 2026

Expourense acolleu esta mañá a reunión do comité asesor de Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral, que celebrará a súa 19ª edición os días 11 e 12 de marzo. Nesta xuntanza participaron arredor dunha vintena de especialistas en prevención e saúde laboral, que colaboraron na elaboración do programa de actividades para esta edición.

O comité está composto por representantes da administración, empresarios, traballadores, mutuas e servizos de emerxencia, que contribuirán activamente á organización e difusión do evento, que marca o inicio do calendario feiral de 2026 na provincia.

Como é habitual, Previsel ofrecerá un programa completo que incluirá conferencias e obradoiros prácticos centrados na formación sobre seguridade, prevención de riscos, igualdade e enfermidades profesionais. Nesta edición poñerase especial atención na saúde mental, con actividades orientadas á xestión do estrés e á prevención do suicidio no entorno laboral. Ademais, desenvolveranse obradoiros dedicados á xestión de emerxencias ante situacións como apagóns masivos ou fenómenos meteorolóxicos adversos.

Paralelamente, a Asociación de Técnicos de Emerxencias Sanitarias e Xestores de Emerxencias de Galicia (TESGALICIA) organizará a 9ª edición das súas xornadas formativas durante Previsel, coa participación de profesionais de distintas partes de España e Portugal.

O programa completo estará dispoñible proximamente na web oficial do evento, www.previsel.com
.

Ademais, Previsel 2026 contará cunha zona expositiva onde se presentarán produtos e servizos especializados en prevención, seguridade e saúde laboral. Esta feira supón unha oportunidade para profesionais do sector, empresarios, traballadores e emprendedores de intercambiar experiencias e coñecer os últimos avances.

A reunión estivo dirixida por Rogelio Martínez, director xerente de Expourense, e contou coa participación de representantes do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), as Xefaturas Territoriais da Xunta en Sanidade, Medio Rural e Emprego, o Centro Galego de Innovación de Formación Profesional Eduardo Barreiros, a Inspección de Traballo e Seguridade Social, a Confederación Empresarial de Ourense e o Parque de Bombeiros de Ourense.

Tamén participaron membros de colexios profesionais como avogados, arquitectos, arquitectos técnicos e enxeñeiros técnicos industriais, así como representantes sindicais de CC.OO e UGT Ourense.

Previsel conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do ISSGA e do Servizo Galego de Emerxencias, e da Deputación Provincial de Ourense. O evento consolídase como a única feira deste tipo en Galicia que consegue reunir a colaboración activa de todos os axentes vinculados á prevención laboral.

⚙ Configurar cookies
0.084848880767822