Previsel pecha a súa 19ª edición con preto de 3.000 visitantes e medio cento de actividade

Previsel, o Salón da Prevención e Seguridade Laboral, pechou as portas da súa 19ª edición este xoves tras recibir preto de 3.000 visitas durante dúas xornadas nas que o programa de actividades ofreceu 50 accións formativas, moitas delas con aforo completo. O evento concluíu coa tradicional entrega de placas ás entidades colaboradoras que fan posible esta cita anual dedicada á prevención e á seguridade no traballo.
O salón reuniu a distintos axentes vencellados coa prevención e as emerxencias, entre eles administracións públicas, empresas, sindicatos, colexios profesionais, servizos de urxencias e emerxencias e centros de Formación Profesional. Nesta edición tamén participaron colectivos sociais relacionados coa saúde da cidadanía, como a Asociación Española contra o Cancro ou a Asociación Diabética Auria, ademais da BRILAT e da Policía Nacional.
O acto de clausura contou coa intervención do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, quen subliñou a importancia da prevención para evitar a intervención dos servizos de emerxencias. Durante a súa intervención repasou algunhas das situacións que marcaron o último ano, como o apagón, a vaga de incendios do pasado agosto ou a sucesión de borrascas dos últimos meses.
Entre os expositores destacou a presenza da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), que levou ao recinto unha bomba de achique de gran caudal, unha das poucas existentes en España. Este equipo, que participou nas emerxencias da DINA de Valencia, ten capacidade para evacuar 50.000 litros de auga por minuto.
Durante a clausura, o director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, destacou que “como organizadores do evento, supón unha enorme satisfacción ver a resposta sempre positiva recibida polas distintas administracións, asociacións empresariais, sindicatos, colexios profesionais e servizos de emerxencias cando se lles solicita colaboración para organizar Previsel. Queda patente o interese de todos os que hoxe nos acompañan para que as cousas se fagan ben, garantindo non só a seguridade do traballador, senón tamén a súa saúde e benestar laboral”.
O acto tamén serviu para recoñecer o traballo das corenta entidades que participaron na organización do programa de actividades. Ao longo do salón abordáronse distintos aspectos relacionados coa seguridade laboral e o benestar dos traballadores, incluíndo obradoiros sobre prevención do suicidio ou xestión do estrés, ademais de iniciativas formativas dirixidas a sectores específicos.
Entre elas, a Confederación Empresarial de Ourense (CEO) impartiu un seminario centrado nos riscos de “xogar á ruleta” coa prevención e a seguridade laboral. Pola súa parte, a Fundación Laboral da Construción de Galicia organizou unha xornada teórico-práctica sobre control operacional básico na obra e, xunto coa Asociación de Construtores de Ourense (ACO), unha sesión dedicada ás oportunidades de emprego neste sector. Tamén se celebrou unha mesa de debate sobre o novo Regulamento de Seguridade contra Incendios (SCI) e as súas implicacións na seguridade laboral e cidadá, coa participación de representantes de distintos colexios profesionais. A CIG organizou ademais unha xornada centrada na prevención e seguridade dos traballadores ante catástrofes e fenómenos meteorolóxicos adversos.
Previsel 2026 contou co apoio principal do ISSGA e coa colaboración da Deputación de Ourense, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia e de Renfe.
Coa clausura de Previsel péchase a primeira cita do calendario feiral de Expourense para 2026. As próximas actividades terán lugar dentro de dúas semanas coa segunda edición da Feira da Educación (25 e 26 de marzo) e o terceiro Encontro Inspiro, que incluirá o IV Concurso de Proxectos Emprendedores.