Profesionais de enfermaría do Centro de Saúde da Ponte ofrecen consellos fronte á calor nas piscinas de Oira

Un equipo de profesionais de enfermaría do Centro de Saúde da Ponte, acompañadas por voluntarios da Asociación Española Contra o Cancro (AECC), visitaron esta mañá as piscinas municipais de Oira para informar ás persoas usuarias sobre como protexerse fronte ás altas temperaturas previstas para os vindeiros días na provincia.
A actividade enmárcase dentro da campaña de saúde comunitaria “Os Martes ao Sol”, impulsada pola Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, co obxectivo de achegar recomendacións de saúde á cidadanía en espazos públicos durante o verán.
Ao longo da xornada, ofrecéronse consellos básicos para previr os efectos da calor extrema, como manter unha boa hidratación, evitar a exposición solar entre as 12:00 e as 17:00 horas, usar protección solar, gorros, lentes de sol, roupa lixeira e de cores claras, e prestar especial atención a persoas maiores, nenos/as e persoas con enfermidades crónicas.
A visita coincidiu coa activación das alertas amarela e laranxa por altas temperaturas en Galicia, que poderían acadar os 40 graos nalgúns puntos da provincia. Por este motivo, insistouse na importancia da prevención para evitar golpes de calor e outras complicacións asociadas ás elevadas temperaturas.
A campaña continuará durante o verán con visitas a outros espazos de baño da cidade, como Outariz ou O Muíño da Veiga, e lévase a cabo en colaboración con distintas entidades, como a AECC. O persoal sanitario fai un chamamento á responsabilidade e ao coidado tanto individual como colectivo nestes días de risco.