Profesionais dos PAC de Ourense fórmanse no manexo de pacientes críticos

A Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras xunto á Axencia de Coñecemento en Saúde (ACIS) pon en marcha o curso da Rede de Capacitación Sanitaria (REDCASA) de adestramento no manexo de patoloxías graves tempo dependentes dirixido ao persoal médico é de enfermería dos Puntos de Atención Continuada (PAC) da provincia, que se desenvolverá entre o 27 de maio e o 4 de xuño na Aula de Simulación (Avda. Zamora nº 13).
O ten un aforo limitado a 16 prazas por edición, para facilitar a individualización das prácticas e desenvolverase en horario de mañá de 09:30 a 14:30 horas (5 horas lectivas). Para favorecer a participación do persoal de todos os dispositivos de urxencias, contará cun total de seis edicións, o que permitirá alcanzar a 96 profesionais que exercen ou realizan gardas nos PAC da provincia.
O curso inaugurouse este martes con profesionais procedentes na súa maioría do PAC de Ourense. Ao longo destes días pasarán tamén polas aulas profesionais da totalidade de Puntos de Atención Continuada no Carballiño, Ribadavia; Barco de Valdeorras, Viana do Bolo; Verín; Xinzo de Limia; Maceda; Castro Caldelas e Celanova.
O curso ten por obxectivo adestrar aos equipos asistenciais, no manexo de patoloxías graves en contextos de urxencia extrahospitalaria, facendo especial fincapé na identificación precoz e abordaxe inicial dos códigos tempo dependentes implantados no Servizo Galego de Saúde: código sepse, código infarto, código ictus, código shock cardioxénico, código anafilaxia e código trauma.
A formación está baseada na simulación clínica avanzada e o traballo en equipo, utilizando un simulador de altas prestacións, que permite reproducir con gran realismo as situacións asistenciais máis críticas. Desta maneira, preténdese fomentar a cohesión e optimización dos equipos reais dos PAC, garantindo unha mellor resposta asistencial e un mellor prognóstico para os pacientes.
O programa formativo aborda cinco casos prácticos, cunha duración de unha hora cada un: Dor torácica; eritrodermia, mareo e prurito; fala distorsionada e diminución do nivel de conciencia; febre, vómitos e mareo e por último traumatismo grave.
O curso tamén inclúe o adestramento en habilidades clave como o diagnóstico do shock, o uso de fármacos e preparación de perfusións, a lectura de electrocardiogramas, o manexo de situacións con perda de conciencia, así como a optimización da comunicación co 061, para garantir unha correcta transferencia do paciente ao seguinte nivel asistencial.
A través deste curso, impartido por profesionais adestrados no manexo da emerxencia e coidados críticos, pertencentes ao grupo de titores de simulación da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras, ACIS reafirma o seu compromiso coa formación continua e de calidade dos profesionais do sistema sanitario público galego, co obxectivo de mellorar a atención sanitaria e salvar vidas en situacións críticas.