Programa das festas de Ourense para este sábado

OurenseXa
O concerto de Justin Quiles será o prato forte da xornada
Festas de Ourense 2024
21 Jun 2025

As festas de Ourense continúan este sábado cunha intensa xornada de actividades para todos os públicos. Desde a mañá e até ben entrada a madrugada, a cidade acollerá propostas culturais, deportivas e musicais, nun día que culminará co esperado concerto do artista internacional Justin Quiles, ás 23:00 horas nos exteriores do Pavillón dos Remedios.

A xornada comezará coa celebración do Torneo Futbolín Máster de Ourense no anexo do Pavillón dos Remedios, onde desde as 10:00 horas e até a medianoite competirán participantes chegados de distintos puntos, coa entrega de premios prevista para a 01:00 horas. Mentres tanto, no Parque de San Lázaro continuará a Feira do Libro, aberta en horario de mañá e tarde, cunha programación que inclúe ademais actividades vinculadas á concienciación ambiental como teatro, obradoiros, contacontos e recitais poéticos, en colaboración con Ecourense e o Concello.

Outra das grandes atraccións do día será o Mercado Medieval, que se estenderá de 11:00 a 00:00 horas nos exteriores do Pavillón dos Remedios, con ambientación, pasarrúas e propostas para todos os públicos. Ademais, haberá actividades infantís como unha xincana de inchables xunto á Ponte Romana e espectáculos de breakdance no marco do II Evento Breaking Cidade de Ourense 2025, que reunirá a bailaríns nacionais e internacionais durante toda a tarde.

Xa pola noite, o ambiente festivo trasladarase ao Parque Barbaña coa Festa das Cores, seguida dunha dobre sesión de verbena oitentera en Concepción Arenal a cargo do Grupo Assia, antes e despois do concerto de Justin Quiles. O artista porto riquenho actuará ás 23:00 horas.

⚙ Configurar cookies
0.14216899871826