Programa das Festas de Ourense para este xoves, 19 de xuño

As Festas de Ourense 2025 seguirán mañá, xoves 19 de xuño, coa súa segunda xornada cargada de actividades para todos os públicos. Entre os eventos destacados estará a actuación do grupo Gramola DJs —Ballesteros, Pablo Marques e Diego Mirón— que actuará de 23:00 a 03:00 horas nos exteriores do Pavillón dos Remedios.
Durante o día, os asistentes poderán gozar tamén da Feira do Libro de Ourense no Parque de San Lázaro, que abrirá pola mañá e pola tarde e incluirá diversas actividades relacionadas coa reciclaxe, como teatro, obradoiros, contacontos e maxia, entre outras. Paralelamente, nos exteriores do Pavillón dos Remedios continuará o mercado medieval, que permanecerá aberto ata a medianoite, con propostas e pasarrúas para achegar aos visitantes á época histórica.
Para os máis pequenos, no parque xunto á Ponte Romana celebrarase unha xincana de inchables pola tarde, mentres que na zona do Parque Barbaña estarán dispoñibles as atraccións festivas até as dúas da mañá.
Estas actividades provocarán cortes de tráfico en varias rúas da cidade. Por exemplo, a rúa Pardo de Cela estará pechada no tramo entre a Praza de Concepción Arenal e a glorieta do Mundo, xunto ao Pavillón dos Remedios, até o luns 23 de xuño debido aos concertos e orquestras. Ademais, o Paseo Ponte Pedriña e a rúa Porto Carreiro, desde a Travesía Portocarreiro B ata a rotonda da rúa Fonte do Bispo, estarán pechadas ao tráfico desde as 19:00 horas por mor das atraccións festivas.
As Festas de Ourense continúan así a súa programación, convidando veciños e visitantes a desfrutar dunha ampla oferta cultural e de lecer na cidade.