Protección Civil de Ourense pon en marcha a súa 30ª campaña solidaria de Nadal

A Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do Concello de Ourense anunciou o inicio da súa 30ª Campaña de Nadal de Recollida de alimentos e xoguetes, unha iniciativa solidaria xa consolidada no municipio. A presentación tivo lugar no salón de plenos, nun acto no que participaron o coordinador, Juan Carlos González, integrantes da agrupación, o tenente de alcalde Aníbal Pereira, a concelleira Ana Fernández e representantes das entidades colaboradoras.
A campaña permanecerá activa ata o 9 de xaneiro, prazo no que a cidadanía poderá realizar as súas achegas. Os puntos de recollida están distribuídos por numerosos espazos da cidade —supermercados, centros educativos, o centro comercial, farmacias, o Pavillón, ximnasios e clubs deportivos, entre outros—. Tamén é posible contactar a través do teléfono 616 908 507. Ademais, quen o desexe pode sumarse como voluntario acudindo ao local da campaña, situado xunto ao Auditorio Municipal, na antiga sede do Festival de Cine.
Os produtos recollidos distribuiranse entre distintas organizacións sociais da cidade, entre elas Cáritas Inmaculada Montealegre, Cáritas UAP Madre Teresa, Cáritas Santa Teresita, Sulam Hashamaim, Compartir Ourense e Dahira Ikhsan Ourense. A organización prevé realizar dúas grandes entregas: a primeira o 22 de decembro, de cara ao Nadal, e a segunda antes do 5 de xaneiro, coincidindo coa festividade de Reis.
Con esta iniciativa, Protección Civil reafirma o seu compromiso coa solidariedade e co apoio ás familias que máis o precisan nestas datas.