PSdeG-PSOE e BNG solicitan un pleno extraordinario na Deputación de Ourense sobre os incendios forestais

OurenseXa
Piden que o pleno se celebre con urxencia pero deixan aberta a porta á retirada da solicitude se se incluíse un punto específico na orde do día do vindeiro pleno que permita o debate aberto
pleno-deputacion-ourense
Pleno da Deputación de Ourense
22 Aug 2025

Os grupos do PSdeG-PSOE e do BNG na Deputación de Ourense rexistraron hoxe unha solicitude formal para a celebración dun pleno extraordinario centrado na situación dos incendios forestais na provincia. A petición diríxese ao presidente da Deputación, Luís Menor, tras a interpelación realizada a nivel de voceiros sobre a inclusión do tema no pleno xa convocado para o 27 de agosto.
A oposición cuestiona a fórmula elixida polo presidente para informar sobre os lumes, que figura no punto número 7 da orde do día baixo o epígrafe "Comunicación de presidencia: Dación de conta da Presidencia sobre a situación dos lumes na Provincia de Ourense", convertendo, segundo a solicitude, a sesión nun "monólogo unilateral do presidente".

Segundo o texto presentado, "a fórmula da 'dación de contas' resulta manifestamente inadecuada para abordar unha emerxencia desta magnitude". Os grupos consideran que a situación require "un debate aberto, plural e construtivo que permita aglutinar o maior consenso posible arredor das medidas que se adopten" e subliñan que a veciñanza demanda respostas "coordinadas, transparentes e eficaces", como evidenciaron as mobilizacións celebradas en toda Galicia o 21 de agosto.

A solicitude recorda que a Deputación, como institución supramunicipal, "ten a obriga legal e moral de liderar a resposta colectiva a esta emerxencia que afecta a toda a provincia" e destaca que resulta "fundamental" que todos os grupos políticos poidan contribuír á procura de solucións efectivas.

Os grupos asinantes, que suman máis dunha cuarta parte dos membros da corporación provincial, piden que o pleno se celebre con urxencia, respetando os prazos legais, pero deixan aberta a porta á retirada da solicitude se o presidente "se retractase da súa decisión e incluíse un punto específico na orde do día do vindeiro pleno extraordinario do 27 de agosto que permita o debate aberto".

⚙ Configurar cookies
0.17998003959656