“Queremos ofrecer alternativas de ocio saudable para todas as idades”

A mediados de 2023, tres veciñas de Amoeiro decidiron impulsar un proxecto comunitario que busca fomentar a convivencia, a cultura e actividades de lecer saudable para todas as idades no municipio. Trátase de Medrando Amoeiro, unha iniciativa que como o seu propio nome indica, medrou ao longo destes anos grazas ao incasable traballo das súas socias fundadoras: Chus, Cris e Isabel.
Cando naceu a Asociación?
A Asociación Medrando Amoeiro comezou a súa andadura a mediados de 2023, impulsada polas tres socias fundadoras (Chus, Cris e Isabel). Queríamos crear un espazo para favorecer o ocio e a convivencia a través de actividades culturais e deportivas. A idea sempre foi unir xeracións e ofrecer experiencias que fagan medrar ás persoas e á comunidade.
Como evolucionou?
Nestes anos, a asociación foi medrando moito grazas ao traballo do noso equipo. Cada actividade suma! Aínda que non temos socios como tal, sentimos que toda a comunidade forma parte de Medrando dalgún xeito.
Temos a sorte de contar coa colaboración do Concello de Amoeiro, o alcalde José Luis González e a tenente de alcalde Susana, que nos ceden o local e apoian as nosas iniciativas; sen esta axuda, moitas das nosas actividades serían imposibles. E, por suposto, grazas ás nosas familias, que sempre nos acompañan e nos dan unha man cando a necesitamos.
Cales son os vosos principais obxectivos?
Queremos ofrecer alternativas de ocio saudable para todas as idades, especialmente para adolescentes, para que teñan opcións divertidas e seguras ao medrar, máis alá do habitual. Tamén buscamos fomentar a convivencia, crear pontes entre xeracións, organizar actividades culturais, deportivas e sociais, combater a soidade non desexada e fortalecer os lazos comunitarios, poñendo en valor a identidade rural e cultural de Galicia.
Que iniciativas destacaríades?
Entre as nosas primeiras actividades houbo unha exhibición de esgrima antiga, grazas á colaboración da Asociación Ourensá de Esgrima Antiga. Tamén organizamos o Escape Room do terror, con gran éxito de participación e que levamos a algún colexio da provincia; este proxecto foi posible grazas á implicación e traballo da nosa amiga Sandra.