Ramirás acolle este sábado unha noite de cine ao aire libre coa proxección de ‘Vilamor’

A actividade terá lugar ás 21:30 horas no Polideportivo San Andrés. A presentación e o coloquio posterior estarán a cargo de Isabel Gil, alcaldesa de Ramirás, e de Ignacio Vilar, director do filme.
‘Vilamor’ sitúase nos anos posteriores á ditadura e segue a historia de Breixo, un mozo con grandes ideais que regresa ao seu pobo natal e descobre que na aldea veciña se formou unha comunidade alternativa. Fascinado polo seu estilo de vida baseado na cooperación, o contacto coa natureza e a ausencia de propiedade privada, decide unirse a eles. Non obstante, a convivencia non será sinxela: Breixo enfróntase aos seus propios límites e emocións cando xorde un vínculo afectivo cunha das integrantes da comuna. Décadas despois, xa como escritor consolidado, regresa á súa terra e reencontrase cos recordos e os soños que marcaron a súa xuventude.
Esta proposta combina cine, historia e reflexión, ofrecendo ao público a oportunidade de coñecer unha película galega mentres participa nun coloquio sobre o seu contexto, os seus valores e o proceso creativo da obra.