Ramirás recibe os Reis Magos o 5 de xaneiro cun percorrido polo concello e entrega de agasallos no Picouto

As súas Maxestades os Reis Magos de Oriente visitarán o concello de Ramirás o vindeiro 5 de xaneiro, nunha tarde pensada para a cativada e as familias, con paradas en varios puntos do municipio e entrega de agasallos.
Segundo a programación prevista, a comitiva real iniciará o percorrido ás 16.00 h desde San Andrés (Vilavidal). Media hora despois, ás 16.30 h, está prevista a visita á residencia de maiores do Mosteiro, un dos momentos máis emotivos da xornada.
A partir das 17.00 h, no Centro Sociocultural do Picouto, celebrarase a recepción da Carteira Real e un obradoiro de coroas. A chegada de Melchor, Gaspar e Baltasar e do seu séquito ao mesmo espazo está marcada para as 17.30 h, cando terá lugar a entrega de agasallos aos nenos e nenas.
A tarde completarase ás 19.00 h cos Cantos de Reis polas aldeas, coa participación da EBMT Rebulir, e ao remate da recepción real haberá chocolate e petiscos para todas e todos. Ademais, as familias que queiran enviar as cartas de maneira dixital poderán facelo a través do Buzón Real, no correo delegacionrealramiras@gmail.com.