Recibidas seis ofertas para a redacción do proxecto de construción de 12 novas vivendas en San Cibrao das Viñas

OurenseXa
A Xunta estima unha inversión de 2,3 millóns de euros neste futuro edificio de promoción pública situado nunha parcela cedida polo Concello
Imaxe recurso de vivendas sociais
2 Nov 2025

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu un total de seis ofertas de empresas para elaborar os proxectos básico e de execución, así como para asumir a dirección de obra, dun edificio de promoción pública que contará con 12 vivendas en San Cibrao das Viñas (Ourense).

O investimento previsto para esta actuación ascende a uns 2,3 millóns de euros e será desenvolvido a través da Sociedade de Vivenda Pública de Galicia (Vipugal). O inmoble proxéctase nunha parcela situada na rúa do Falcón, dentro da urbanización Gonoba, cunha superficie próxima aos 470 metros cadrados. O terreo foi cedido gratuitamente á Xunta polo Concello.

Segundo explicou o departamento que dirixe María M. Allegue, esta iniciativa forma parte da estratexia da Xunta para ampliar o parque de vivenda pública en colaboración cos concellos. Actualmente existen acordos similares con municipios como Narón, Carballo, Lugo, Pontevedra, A Coruña, Vilagarcía, Ames, Lalín e A Estrada, entre outros.

A Consellería subliña que continúa a intensificar os seus esforzos para facilitar o acceso á vivenda en Galicia. En conxunto, o Goberno galego ten xa preto de 3.000 fogares de promoción pública en diferentes fases de tramitación.

⚙ Configurar cookies
0.073657035827637