Remata a reforma da planta baixa das oficinas do INSS e a TGSS da cidade de Ourense

O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, puxo en valor este martes o compromiso do Goberno de España coa mellora das condicións de traballo e da atención á cidadanía na administración pública. Fíxoo durante unha visita ao edificio que alberga as direccións provinciais do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) e da Tesourería Xeral da Seguridade Social (TGSS), onde supervisou o resultado da reforma executada na planta baixa.
Durante a visita, Santos reuniuse coa directora provincial do INSS e da TGSS, Iria Fernández, así como co equipo directivo, para coñecer de primeira man o resultado das obras realizadas na sede da rúa do Concello. A actuación, adxudicada por máis de 240.000 euros, prolongouse durante seis meses. Segundo explicou o subdelegado, “o espazo administrativo quedou totalmente renovado e adaptado ao novo modelo de atención ao cidadán”.
No transcurso do encontro, Eladio Santos anunciou tamén a adxudicación recente dunha nova intervención no inmoble para a instalación de sistemas de ventilación e aire acondicionado, cun investimento superior aos 280.000 euros. “Investimento e renovación permanente. É o que fai este Goberno para garantir unha atención óptima e a máxima eficacia dos servizos públicos”, subliñou.
Estas actuacións complétanse cunha reforma previa executada o ano pasado na primeira planta do edificio, cun custo próximo aos 40.000 euros, destinada a mellorar a eficiencia enerxética mediante a substitución das ventás. “En suma, máis de medio millón de euros destinados no último ano a facer deste inmoble histórico de Ourense un espazo de traballo do século XXI”, indicou Santos.
A reforma da planta baixa, recentemente rematada, contou cun orzamento de 241.756,6 euros, impostos incluídos. Os traballos incluíron a instalación de cerramentos con altas prestacións acústicas e térmicas, o emprego de materiais sostibles e non contaminantes, así como a reordenación completa da área administrativa. Ademais, renovouse o pavimento, substituíronse as placas do teito e executáronse novas divisións funcionais.
Durante os seis meses que duraron as obras, o persoal da planta baixa foi trasladado de maneira temporal a oficinas situadas na rúa Celso Emilio Ferreiro. Por este motivo, o subdelegado agradeceu o esforzo do persoal, destacando a súa “paciencia, profesionalidade e compromiso diario”.
Por outra banda, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións publicou esta semana na plataforma de contratación do sector público a adxudicación das obras para a substitución dos equipos de climatización do edificio, cun importe de 282.359,56 euros, IVA incluído.