Rematadas as obras da nova residencia de maiores de Verea cunha inversión de 730.000 euros

O Concello de Verea rematou recentemente as obras da súa nova residencia de maiores, un proxecto financiado pola Xunta de Galicia con 730.000 euros. O centro, de titularidade municipal, ten capacidade para 24 residentes repartidos en 12 habitacións dobres e dispón de espazos para actividades, zona médica e de rehabilitación, comedor, así como zonas administrativas e de servizos xerais como lavandería, ropero e cociña. A xestión do equipamento estará a cargo do propio Concello.
A construción desta residencia forma parte do Plan de investimentos da Xunta de Galicia, acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), que contempla o desenvolvemento dunha vintena de proxectos en municipios rurais e de menor poboación. Este plan conta cun orzamento total de 18,5 millóns de euros procedentes de fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (NextGenerationEU), dos cales 12 millóns, o 65 % do total, destínanse á construción, ampliación ou mellora de residencias, centros de día e centros sociais na provincia de Ourense. A nivel galego, a iniciativa permitirá a creación de 650 novas prazas públicas de atención residencial e de centros de día.
O pasado mércores, o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, xunto co delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o alcalde de Verea, José Antonio Pérez Valado, visitaron as instalacións para coñecer o estado do novo centro e os seus servizos. Durante a visita, Rodríguez destacou o reforzo da rede de centros para persoas maiores que está a impulsar a Xunta na provincia e en toda Galicia.