Rematadas as obras de ampliación e reforma interior do CEIP Padre Crespo, en Xunqueira de Ambía

A Xunta de Galicia vén de rematar as obras de ampliación e reforma interior do CEIP Padre Crespo, no municipio de Xunqueira de Ambía, que supuxeron un investimento superior aos 362.000 euros destinados a mellorar as instalacións e adaptalas ás necesidades actuais da comunidade educativa.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou o centro acompañado polo alcalde, José Luis Gavilanes, para supervisar o resultado das actuacións. Durante a visita explicou que a intervención se enmarca no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica impulsado pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, unha estratexia orientada a modernizar os espazos escolares e facelos máis eficientes e accesibles. Con este plan, sinalou o delegado, a Xunta pretende dotar aos centros educativos da provincia de Ourense das mellores condicións para garantir un ensino de calidade tamén desde o punto de vista das infraestruturas.
As obras incluíron a construción dunha ampliación sobre o patio cuberto, na que se habilitaron unha nova aula, un despacho, unha sala de profesores e aseos, que substitúen os anteriores por resultar insuficientes e pouco funcionais. Esta intervención obrigou ademais a crear unha nova saída en planta mediante unha escaleira exterior.
Tamén se reformaron os aseos da planta baixa do edificio administrativo e realizáronse axustes na distribución interior, reducindo lixeiramente un despacho para mellorar a iluminación natural coa apertura de novos ocos. A antiga sala de profesores foi adaptada como aula de necesidades especiais.
No edificio destinado a aulas renováronse os aseos, substituíndo as instalacións de abastecemento e saneamento, así como os acabados, e actuouse en varias aulas con problemas de humidade mediante a colocación de trasdosados con illamento.
O delegado territorial destacou que esta actuación forma parte do conxunto de intervencións que a Xunta desenvolve nos máis de 1.600 edificios escolares da comunidade, reafirmando o seu compromiso coa creación de espazos máis accesibles e sostibles para o conxunto da comunidade educativa.