Rematadas as obras de urbanización da rúa Castor Elices, en Celanova

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou este martes o concello de Celanova para comprobar o resultado das obras de urbanización da rúa Castor Elices, executadas grazas a un préstamo de 464.000 euros concedido pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a través do Fondo de Cooperación.
Durante a visita, na que estivo acompañado polo alcalde, Antonio Puga, o representante autonómico destacou que este programa está dirixido a concellos de menos de 50.000 habitantes e permite financiar actuacións de rehabilitación e conservación do patrimonio construído.
Aproveitando a súa presenza no municipio, Manuel Pardo lembrou que desde onte está aberto o prazo, ata o vindeiro 15 de outubro, para que as entidades locais soliciten novas axudas tanto deste fondo como das destinadas á promoción de vivenda protexida de nova construción. Segundo indicou, o obxectivo é dobre: mellorar os equipamentos municipais e facilitar o acceso á vivenda.
No que respecta ao Fondo de Cooperación para actuacións de rehabilitación, o delegado concretou que conta este ano con máis de tres millóns de euros e que se trata de préstamos sen xuros que os concellos poden devolver nun prazo máximo de oito anos. Estes recursos permiten acometer obras de conservación en inmobles municipais, adquirir novos edificios para a súa recuperación ou urbanizar viarios previstos no planeamento local.
Ademais, explicou que a liña destinada á promoción de vivenda protexida dispón en 2026 de máis de 8,6 millóns de euros, tamén en forma de préstamos sen xuros. Os concellos poderán empregar este financiamento para impulsar vivenda de nova construción, ben directamente ou a través doutros promotores, así como para urbanizar solo ou adquirir parcelas destinadas a este fin.
No caso concreto de Celanova, a actuación na rúa Castor Elices permitiu mellorar a accesibilidade e ampliar as beirarrúas, ademais de renovar servizos como a iluminación pública, o saneamento, o abastecemento, as comunicacións, a baixa tensión e o gas. Tamén se reorganizou o tráfico, habilitando mellores zonas de aparcamento e limitando a velocidade nunha vía que incrementou notablemente o volume de vehículos tras a entrada en funcionamento da autovía AG-31.
Con esta intervención, segundo se puxo de manifesto durante a visita, búscase tamén mellorar a imaxe urbana da capitalidade municipal.