Rematadas as obras entre a rúa da Canle e Pereiro

O Concello de Ourense rematou a execución das obras de pavimentación da vía que vai desde a rúa da Canle, nas proximidades do Auditorio Municipal, até o límite do Concello de Ourense co do Pereiro de Aguiar.
O proxecto, cun orzamento de licitación de 621.357,81 euros, ¡marcouse como obxectivo propiciar a mellora dunha vía de comunicación que ten unha especial relevancia, xa que dá acceso ao Parque de Montealegre, ao Centro de menores, a unha urbanización, e ás instalacións deportivas e ao parque acuático de Monterrei, ademais de ao parque empresarial do Pereiro.
Os traballos consistiron na pavimentación dun treito de 3.350 metros de lonxitude, cun ancho variable entre os 4 e os 7 metros, tarefas de sinalización tanto horizontal coma vertical, co pintado e a colocación de nova sinalización, e a instalación de novas barreiras, coa finalidade de incrementar tanto a seguridade como a comodidade das persoas usuarias desta vía, na que tamén se realizaron melloras na recollida das augas de escorrentía.
As obras executadas pola empresa Extraco Construccións e Proxectos S.A.¸ foron recepcionadas este mércores polo Concello.