Rexeitado o informe simplificado da planta fotovoltaica de Cartelle

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta de Galicia vén de rexeitar o informe de impacto ambiental simplificado presentado pola empresa Aratel para a instalación dunha planta fotovoltaica en Cartelle, que tamén conta coa oposición das comunidades de montes e de propietarios de explotacións gandeiras afectadas.
O órgano avaliador sinala “carencias e incongruencias” no documento presentado e obriga ao promotor a someter o proxecto a unha Avaliación Ambiental Ordinaria, ao considerar que existen riscos de efectos significativos sobre o medio ambiente, en especial sobre especies protexidas ou en perigo de extinción, así como afeccións ao sistema hídrico, o patrimonio, a paisaxe e a saúde humana. Esta decisión implica un cambio profundo na documentación e no nivel de detalle que Aratel deberá achegar.
Desde a Plataforma Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova adverten que a resolución “é demoledora”, ao destacar a “existencia de varios erros, carencias, deficiencias ou incongruencias na documentación presentada polo promotor”. Engaden que a situación evidencia a incerteza sobre o patrimonio cultural, xa que “non se poida desbotar a existencia doutros bens arqueolóxicos e etnográficos, aínda non detectados”. O informe indica que os datos aportados “non permiten descartar a posible existencia dun xacemento” e critica que na cartografía “non se recollen tódolos elementos que poderían verse afectados”, nin se marcan os “contornos de protección”.
Con esta resolución, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non valida o proxecto e considera obrigatoria a realización dunha prospección arqueolóxica extensiva de toda a superficie de implantación e da liña de evacuación.
No ámbito da paisaxe, o Instituto de Estudos do Territorio alerta que o proxecto provocará un “impacto visual característico… derivado da ocupación dunha extensión considerable de terreo con elementos artificiais que alteran a composición paisaxística” e sinala a ausencia de documentos clave, como un “estudo de impacto e integración paisaxística (EIIP)”. Ademais, subliña que se degradará o “valor vernáculo” do solo.
En materia de augas e hidroloxía, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil detectou “puntos de incerteza técnica no informe, falta de claridade e necesidade de que o promotor presente aspectos técnicos sobre afeccións ao dominio público hidráulico, zona de policía de canle público e servidumes”.
O proxecto introduciría unha gran superficie de paneis nunha contorna rural de carácter agrario, sen ofrecer unha análise detallada da visibilidade desde os núcleos de poboación próximos nin dos posibles reflexos que os paneis poderían xerar, segundo indica a resolución. A Dirección Xeral de Saúde Pública exixiu ata tres informes adicionais sobre ruído, vibracións e xeolocalización de infraestruturas antes de poder validar o proxecto.
No que respecta á flora e fauna, a información sobre especies protexidas, como o galápago europeo ou aves como o aguiacho cincento e a gatafonela, “unicamente se proporciona unha primeira aproximación”, polo que a diagnose non é exhaustiva. Stop Eólicos A Limia Xurés Celanova destaca especies con poboacións limitadas na zona, como o loureiro de San Antonio (Prunus lusitanica), cunha presenza vulnerábel, e a libélula Macromia splendens, en perigo de extinción e cunha distribución moi localizada.
A empresa Aratel é tamén promotora dun polígono eólico no Coto Novelle, que compartiría infraestruturas coa planta fotovoltaica de Baldariz. Malia que a fragmentación foi denunciada na campaña de alegacións de 2025, o Coto Novelle só se menciona como “miradoiro” e non se recollen impactos acumulativos, que agora deberán incluírse na Avaliación Ambiental Ordinaria.
Segundo a plataforma, esta resolución deixa evidentes riscos sobre a conservación do patrimonio, a paisaxe, a saúde, a fauna e a flora, así como sobre o sistema hídrico, e reforza que a oposición das comuneiras e produtoras “está xustificada por razóns medioambientais e sociais”. Engaden que as alertas desta resolución deben terse en conta tamén na avaliación de proxectos eólicos na mesma área, que poderían converterse en polígono híbrido.