Rexístranse 1.000 alegacións contra o proxecto da planta de biometano de Xunqueira de Ambía

Os escritos presentados amosan o rexeitamento social ao plan de Ence de instaurar unha planta de producción de biometano e unha planta de producción fotovoltáica en Xunqueira de Ambía
planta-de-biometano-recurso
14 Nov 2025

A veciñanza das zonas afectadas polo proxecto de ENCE para instaurar unha planta de producción de biometano e unha planta de producción fotovoltáica en Xunqueira de Ambía, xunto con ctivistas do centro social Alvariça de Allariz, veciñas dos concellos de Xunqueira de Ambía, Sandiás, Xinzo, membros dos colectivos ecoloxistas Stop Eólicos Xurés Celanova, MEL e a plataforma Auga Limpa Xa, lograron reunir en apenas tres semanas 1.000 alegacións contra este proxecto.

Veciñanza das aldeas que sufrirían impactos directos, co apoio de varios puntos de recollida de alegacións exprés nas comarcas de Allariz, A Limia e Celanova conseguiron xuntar en apenas tres semanas 1.000 alegacións contra o proxecto, que lindeira coa Zona de Protección de Aves da Lagoa de Antela, unha industria que se presenta como "solución" para a xestión dos xurros, mais en realidade agravaría o problema da contaminación por nitratos das augas do Limia.

Os escritos foron presentados este xoves nos distintos rexistros municipais e na propia Subdelegación do Goberno en Ourense, e amosan o rexeitamento social ao plan de Ence na zona afectada e na contorna da Limia que, lembran os denunciantes, “está a ser obxecto de ameazas constantes con proxectos extractivistas mentres as autoridades competentes evitan enfrontar o grave problema da contaminación dos acuíferos e das masas de auga superficiais que poñen en risco a saúde da poboación”.

As alegacións foron elaboradas en base aos escritos contra o proxecto presetados pola asociación ecoloxista Petón do Lobo e polo BNG, e resumen nunha folla as principais ameazas da instalación da planta, poñendo o foco nas eivas do proceso durante a fase de tramitación pública.

Ademais das alegacións exprés, e das alegacións do Bloque Nacionalista Galego e as da Asociación Petón do Lobo, o propio goberno municipal de Xunqueira de Ambía e a Sociedade Galega de Historia Natural puxeron escritos de oposición ao proxecto a dispór da veciñanza, polo que a cifra de alegacións superará amplamente o millar.

⚙ Configurar cookies
0.074987888336182