Ribeira Sacra Next impulsa novas iniciativas para dinamizar o emprendemento no territorio

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O vindeiro 15 de abril terá lugar en Nogueira de Ramuín unha xornada baixo o título “Potenciando os recursos da Ribeira Sacra”
polo-emprendemento-ribeira-sacra-next
9 Apr 2026

A Asociación de Empresas Ribeira Sacra Next está a desenvolver ao longo deste 2026 unha serie de actividades orientadas a reforzar o tecido empresarial e dar a coñecer a súa labor entre persoas emprendedoras e empresas da contorna. Estas propostas lévanse a cabo en colaboración cos polos de emprendemento e distintos concellos da Ribeira Sacra.

Unha das citas destacadas terá lugar o mércores 15 de abril no Mosteiro de Santo Estevo, no concello de Nogueira de Ramuín. Baixo o título “Potenciando os recursos da Ribeira Sacra”, a xornada está dirixida a profesionais, emprendedores e entidades interesadas en explorar as posibilidades que ofrece o territorio.

O encontro busca favorecer o desenvolvemento de proxectos innovadores ligados aos recursos locais, abordando ámbitos como a empresa, o turismo, o patrimonio, o sector agroalimentario ou os servizos. A iniciativa tamén pretende promover propostas sostibles e adaptadas á realidade da zona. A participación é gratuíta, aínda que require inscrición previa.

A actividade está organizada polo Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño xunto con Ribeira Sacra Next, e conta coa colaboración da Asociación de Empresarios de Nogueira de Ramuín e do propio concello.

Esta programación forma parte dunha estratexia máis ampla que xa incluíu a finais de marzo unha xornada en Monforte de Lemos centrada na transmisión de negocios e na remuda xeracional. Ademais, está previsto un novo encontro en Xunqueira de Espadanedo o vindeiro 12 de maio, enfocado ao networking entre profesionais.

0.12217712402344