San Cibrao das Viñas celebra a Semana da Nutrición

San Cibrao das Viñas acolle esta semana a Semana da Nutrición, unha iniciativa que busca fomentar hábitos saudables e ofrecer consellos personalizados sobre alimentación, dirixida ao usuarios do Ximnasio Municipal.
As actividades comezarán o martes 21 de outubro coas xornadas sobre alimentación saudable e consellos prácticos dentro do Programa Mañás Activas. Estas sesións celebraranse no Centro Social de San Cibrao das Viñas ás 10:00 horas e no Local Social de Ponte Noalla ás 12:00 horas.
O xoves 23 de outubro terá lugar a Xornada de Nutrición no Ximnasio Municipal, que se desenvolverá en dous turnos: de 10:00 a 14:00 horas pola mañá e de 16:00 a 21:00 horas pola tarde. Durante a xornada, os asistentes poderán solicitar consultas individuais de 10 minutos con especialistas en nutrición. As persoas interesadas poden obter máis información e realizar inscricións dirixíndose ao persoal do Ximnasio.
A Semana da Nutrición ofrece así unha oportunidade para concienciar sobre hábitos saudables e recibir asesoramento profesional nunha programación pensada para todas as idades.