San Cibrao das Viñas celebra este martes o seu Concerto de Nadal

San Cibrao das Viñas celebrará o seu concerto de Nadal este martes, 23 de decembro, a cargo da fadista María do Ceo. A Igrexa Parroquial do municipio acollerá, a partir das 18.30 horas, o recital titulado “Panxoliñas e outras cantigas”, unha proposta musical pensada para estas datas tan sinaladas.
O concerto permitirá ao público gozar da voz dunha das intérpretes máis recoñecidas do panorama galego-portugués, cun repertorio que combina tradición, emoción e sonoridades propias do Nadal. A actuación terá lugar nun espazo emblemático do municipio, converténdose nun encontro cultural aberto a toda a veciñanza.
María do Ceo, nacida en Portugal e afincada en Ourense desde a infancia, desenvolveu ao longo de varias décadas unha sólida carreira musical marcada pola fusión de influencias galegas e portuguesas. Cun estilo persoal que mestura a melancolía do fado coa sensibilidade da música galega, conta cunha ampla discografía e cunha intensa traxectoria sobre os escenarios, tanto a nivel nacional como internacional.
Ao longo da súa carreira publicou máis dunha ducia de traballos discográficos e recibiu numerosos recoñecementos pola súa achega á música e á difusión da cultura a ambas beiras do Miño, ademais de colaborar en proxectos audiovisuais e escénicos.