San Cibrao das Viñas convoca o seu I Concurso de Postais de Nadal para nenas e nenos

O Concello de San Cibrao das Viñas lanza o I Concurso de Postais de Nadal, unha iniciativa que invita aos máis pequenos a expresar a maxia do Nadal a través do debuxo. Poderán participar nenas e nenos de 3 a 10 anos que estean empadroados no concello ou que teñan un proxenitor empadroado.
O concurso está dividido en dúas categorías: Infantil (3-5 anos) e Xuvenil (6-10 anos). As postais, xunto coa folla de inscrición, deben entregarse na Biblioteca Municipal antes do 15 de decembro de 2025 ás 19:30 horas.
O xurado dará a coñecer o fallo o 22 de decembro de 2025, e haberá premios para ambas categorías. Ademais, todas as postais participantes estarán expostas na Biblioteca durante as festas de Nadal.