Sanidade nega carencias na nova sala de partos e defende que conta con todos os recursos necesarios

OurenseXa
Antonio Gómez Caamaño asegurou que a nova localización reúne “os máis altos estándares de calidade, seguridade e confort”
goomez-caamaño-chuo
29 Jul 2025

O traslado do paritorio do Hospital Materno-Infantil de Ourense ao edificio Cristal segue xerando rexeitamento por parte de colectivos cidadáns e profesionais, que este luns protagonizaron unha nova protesta fronte ao CHUO —a cuarta desde que se anunciou o cambio— para reclamar “condicións dignas” durante o parto. As críticas apuntan tanto ao deterioro do actual edificio, tras varios desprendementos de tellados, como á idoneidade das instalacións temporais.

Fronte a estas acusacións, a Consellería de Sanidade defendeu este martes a calidade do novo espazo habilitado. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, asegurou que a nova localización reúne “os máis altos estándares de calidade, seguridade e confort”, e afirmou que conta con “todos os recursos necesarios” para garantir unha atención adecuada durante o parto.

A Xunta investiu máis de 2,7 millóns de euros nestas obras, cuxo obxectivo é permitir o traslado provisional dos servizos mentres se constrúe a futura unidade definitiva no edificio cirúrxico. Segundo explicou o conselleiro, as novas salas están completamente renovadas e presentan vantaxes fronte ao Materno, “un edificio con máis de 50 anos”.

A área de partos contará cun quirófano, un paritorio e cinco salas de dilatación independentes, con luz natural, climatización, ducha de hidromasaxe e equipamento para partos naturais. Gómez Caamaño asegurou que están deseñadas para garantir “seguridade, privacidade, comodidade e posibilidade de acompañamento” durante todo o proceso. Ademais, modificáronse os circuítos asistenciais e reforzouse o persoal para facilitar o traslado de pacientes e mellorar a atención.

O conselleiro destacou que todas estas accións foron consensuadas cos responsables do centro e dos servizos, e amosou o seu convencemento de que, unha vez se realice o traslado, disiparanse as dúbidas xurdidas nas últimas semanas.

A Xunta xustifica o traslado conxunto de obstetricia, partos, pediatría e UCI neonatal e pediátrica por “motivos de seguridade e comodidade”, dada a súa estreita relación funcional. A mudanza comezou este mesmo martes e está previsto que finalice nos próximos días.

⚙ Configurar cookies
0.15876412391663