Satisfacción no BNG e o PSOE pola sentenza en contra da contratación do director de IA de Ourense
Esta semana coñeceuse a sentenza ditada polo titular do Xulgado do Contencioso-Administrativo número 2 de Ourense na que anula o nomeamento de Juan Carlos Fernández Fasero como Director Xeral de Intelixencia Artificial do Concello de Ourense ao entender que tanto as bases como o nomeamento, son nulos de pleno dereito.
Desde o Grupo municipal do BNG valoran positivamente o fallo xa que, segundo o Portavoz municipal Luís Seara, “xa durante o proceso selectivo e logo co nomeamento, advertimos que o que se estaba facendo era un traxe á medida dunha persoa concreta, neste caso dun íntimo amigo de Jácome e ademais fundador e ex-tesoureiro de Democracia Ourensana.
“A sentenza ratifica o denunciado públicamente polo BNG no seu día. Creouse un Centro de Intelixencia Artificial que resultou ser un burato negro en canto a contratacións e perda de cartos públicos e onde Jácome pretendeu situar a un íntimo amigo seu a razón de 60.000 euros ao ano e a través dun proceso selectivo trufado de irregulariedades desde o principio”.
O BNG vai máis alá e vincula esta sentenza, así como as anteriores relativas á anulación do capítulo I do Orzamento prorrogado de 2020 ou as que condenan ao Alcalde por acoso até en dúas ocasións, “a un xeito de entender a política e a xestión pública totalmente contraria ao respecto aos procedementos legalmente establecidos. Convocando e creando prazas públicas a medida dos seus amigos e sumindo á institución nun caos organizativo e de funcionamento sen precedentes”.
Seara reitera que o problema é que “Jácome xestiona o Concello como se fose Jolper e as consecuencias ímolas pagar entre todas e todos pois unha vez máis o Concello é condenado ao pagamento das costas, desta volta 700 euros aos que temos que engadir os 30.000 euros da sentenza por acoso á Intendente da Policía Local ou os 15.000 euros da sentenza por acoso ao Interventor”.
PSOE
A edil do PSdeG María Fernández Ojea subliña que Gonzalo Pérez Jácome parece que "non remata de comprender que é o alcalde" da terceira cidade de Galicia e que debe de "someterse ao criterio, aos procedementos e á regulación administrativa" para dirixir unha administración pública.
"Cando a vulneras, ou a revistes dunha extraordinaria creatividade, ten consecuencias negativas para a veciñanza e, neste caso concreto, tamén para os seus propios amigos", sinala contundente logo da sentenza coñecida no día de hoxe na que se destaca a ausencia de titulación específica que requiría o nomeamento e que colisiona coas características do posto a desenvolver.
Ademais, advirten dende o grupo municipal do PSdeG que a política de contratación de persoal do executivo de Democracia Orensana non é máis que o reflexo do caos e ausencia de criterio baixo o que gobernan a e que, como teñen mencionado con anterioridade, tamén afecta a outras áreas como o investimento de cartos públicos. "Se neste caso vemos que un procedemento que o Xulgado di que colisiona coas características do posto de traballo, que non existiu idoneidade, isto vese en numerosos procedementos xudiciais como no da nulidade do Capítulo I que afecta a gran parte dos traballadores e traballadoras públicas", resumiu sobre a inseguridade xurídica ocasionada por Jácome e os seus edís.
Remata a tamén secretaria de Función Pública e Xustiza da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG pedindo ao rexedor, novamente, que "tente dirixir Ourense como o que é, a terceira cidade da nosa Comunidade Autónoma".