SATSE denuncia deficientas na Unidade de Código Ictus do CHUO

O sindicato de enfermaría SATSE denuncia as deficiencias que, segundo aseguran, presenta a Unidade de Código Ictus do hospital de referencia da Área Sanitaria de Ourense, advertindo de que a situación pode comprometer a calidade da atención aos pacientes con ictus e outras enfermidades neurolóxicas.
Nun comunicado feito público este luns, a organización sindical sinala que a posta en marcha deste dispositivo asistencial realizouse “sen garantir as condicións estruturais, organizativas e de recursos humanos necesarias” para ofrecer unha atención axeitada á patoloxía neurolóxica aguda. Segundo explican, o persoal sanitario afronta unha elevada carga mental derivada dun deseño inadecuado dos postos de traballo, dunha organización deficiente das tarefas e dunha escasa coordinación con outros servizos, a o que se suma unha sobrecarga asistencial cun ritmo de traballo difícil de regular.
Desde o sindicato tamén alertan da falta de persoal médico para asumir a activación do Código Ictus, unha responsabilidade que, segundo indican, recae no cadro actual sen que se producise un incremento de profesionais. Esta situación prodúcese nun contexto no que a provincia presenta unha importante incidencia de enfermidades neurolóxicas, influída polo envellecemento da poboación. Estímase que en Ourense hai máis de 41.000 persoas con migraña, arredor de 550 diagnosticadas de esclerose múltiple, 1.100 con enfermidade de Parkinson e máis de 30.000 casos de Alzheimer.
A estas cifras súmanse outras patoloxías neurolóxicas crónicas e agudas —como miastenias, afasias, hemorraxias cerebrais ou os propios ictus— que requiren unha resposta asistencial especializada e que, durante a hospitalización, supoñen unha elevada carga de traballo para os profesionais.
En relación coas condicións da unidade, SATSE lembra que, segundo as recomendacións da Sociedad Española de Neurología, as unidades de ictus deben contar con espazos e recursos que garantan unha atención segura e eficaz. No caso do hospital ourensán, indican que o dispositivo dispón unicamente de dúas habitacións individuais e dúas dobres, unha circunstancia que, segundo o sindicato, limita o espazo para atender aos pacientes e dificulta o traballo dos profesionais en situacións clínicas complexas.
O sindicato tamén sinala a escasa presenza de persoal de enfermaría con formación específica en coidados de ictus. Esta infradotación obriga, segundo denuncian, a reforzar a unidade con profesionais doutros servizos que non contan coa especialización necesaria, o que incrementa a carga de traballo do equipo habitual.
Outro dos aspectos sinalados é a ausencia dun equipo multidisciplinar completo. As unidades deste tipo deberían contar con profesionais como fisioterapeutas, neuropsicólogos ou logopedas, pero, segundo indican, no hospital de referencia da área sanitaria non existe persoal de referencia destas especialidades durante a fase aguda.
Ante esta situación, desde o sindicato alertan de que “a falta de planificación, recursos e sensibilidade por parte da dirección sanitaria está empurrando ao sistema cara a un deterioro progresivo da calidade asistencial”, cun risco tanto para os pacientes como para os propios traballadores. Por iso, os profesionais reclaman á administración sanitaria medidas urxentes para reforzar o persoal, mellorar as condicións estruturais e dotar a unidade dun verdadeiro equipo multidisciplinar que garanta unha atención segura e acorde cos estándares clínicos recomendados.