SATSE denuncia recortes nos criterios de vacacións e permisos para 2026 na Área Sanitaria de Ourense

OurenseXa
O sindicato de enfermería presentou unha impugnación contra a resolución ao considerar que as novas normas “aínda máis restrictivas que en anos anteriores”
novo-paseo-verde-chuo
18 Mar 2026

O Sindicato de Enfermería, SATSE, presentou unha impugnación contra a resolución da Xerencia da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras que establece os criterios de vacacións e permisos para 2026.

A organización sindical denuncia que as novas normas “recortan aínda máis os dereitos, penalizan a conciliación, discriminan ao persoal temporal, e xeran un marco máis restritivo aínda que en anos anteriores”. Segundo SATSE, estas medidas afectan especialmente ás mulleres e poderían constituír “discriminación indirecta de xénero”, ao limitar ao 33 % o número de ausencias por conciliación e obrigar a quen as exerce a perder a rotación asignada, gozando o resto das súas vacacións fóra do período ordinario.

O sindicato alerta tamén da discriminación cara ao persoal temporal, que non pode computar no límite do 25 % de ausencias simultáneas se non ten un ano de experiencia na unidade, e critica que mesmo os traballadores con contratos de continuidade non poden programar as súas vacacións de verán en xullo ou agosto debido a decisións da Dirección da Área Sanitaria. SATSE considera que este trato “é discriminatorio e sen xustificación obxectiva” e vulnera principios de igualdade e normativa europea sobre temporalidade.

Ademais, incrementan as restricións para gozar de días de libre disposición, días adicionais e reducións de xornada, o que, segundo o sindicato, provoca “denegacións sistemáticas e reduce a flexibilidade necesaria para atender asuntos persoais e, sobre todo, a conciliación”. Tamén se establecen prazos excesivos para solicitar vacacións de Nadal e prohíbese unir días adicionais ao período vacacional ordinario, limitando a liberdade do persoal para organizar o seu descanso.

SATSE denuncia, ademais, que a Xerencia non levou a cabo unha negociación efectiva cos representantes do persoal, a pesar de ter escoitado as Xuntas de Persoal, e lembra que en 2025 presentou unha impugnación similar sen recibir resposta.

O sindicato solicita a anulación dos puntos máis restritivos e unha revisión completa dos criterios de 2026 para garantir “dereitos de conciliación sen penalizacións, igualdade entre persoal fixo e temporal, respecto ao Acordo de Concertación Social e motivación individualizada das denegacións”. “Non aceptaremos normas que recortan dereitos e discriminan ás enfermeiras e ao resto do persoal. SATSE defenderá sempre condicións laborais xustas, equilibradas e axustadas á lei”, conclúen.

0.12915802001953