SATSE Ourense denuncia a falta de fisioterapeutas nos centros de saúde da provincia

OurenseXa
Desde o sindicato advirten de que a provincia de Ourense só conta con 18 fisioterapeutas en centros de saúde, para unha poboación de 305.000 habitantes
Centro_de_saude_a_ponte_ourense
Centro de Saúde A Ponte, Ourense
24 Jan 2025

SATSE en Ourense denuncia publicamente que os plans do SERGAS de ampliar e mellorar a carteira de Servizos de Fisioterapia en Atención Primaria non poderán levarse a cabo con éxito coa actual dotación destes profesionais nos centros de saúde da provincia.

Explican que a nova carteira de Servizos instaurada antes do verán implementa novas funcionalidades e programas que repercutirán sen dúbida na saúde da poboación dunha forma directa e notable: atención á fraxilidade, pacientes respiratorios, cardiovasculares, exercicio terapéutico, chan pélvico, etc.

Para SATSE, “non cabe dúbida do papel clave, eficaz e resolutivo, que os fisioterapeutas achegan na mellora do estado de saúde/enfermidade, e celebran que se poña en valor o seu papel nos equipos multidisciplinares de Atención Primaria”. Pero sinalan que “lamentablemente, como adoita ocorrer en moitas ocasións, non se valora a necesidade de recursos humanos imprescindibles na planificación”, algo que “na Área de Ourense resulta totalmente insuficiente”.

“Para a totalidade dos 305.000 habitantes da provincia de Ourense, contamos con 18 fisioterapeutas en varios centros de saúde”, explican, e insisten en que “esta cifra debe incrementarse para dar cabida ás novas carteiras de servizos”.

Neste momento, as listas de espera para fisioterapia chegan, nalgúns casos, a superar os dous meses de demora, lembran. Para o sindicato, “o feito de implementar este novo Plan sen a dotación de profesionais acorde só afectará negativamente ao agravamento desta situación”.

Ademais, explican que a dotación material está infrautilizada nalgúns centros ao carecer de profesionais en cadros estruturais que desenvolvan a actividade e permitan aproveitar ao 100% a capacidade dos centros actuais.

Para o sindicato, “non é menos rechamante que, para a implantación desta carteira de Servizos, desde a Dirección da Área non se previse ningún tipo de información nin formación aos profesionais afectados, que ven con inquedanza a imposibilidade de poder cumprir estes obxectivos”.

0.18729710578918