Seixalbo presenta o programa oficial para o Entroido de 2026

OurenseXa
Paquita e Nicanor volverán saír polas rúas para celebrar esta festa con máis de 150 anos de historia, que terá lugar os días 8, 13, 15 e 17 de febreiro, organizada pola Asociación Veciñal San Breixo
entroido-de-seixalbo-26
19 Jan 2026

A Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo presentou o programa oficial para o Entroido de Seixalbo 2026, unha celebración que conta coa colaboración do Concello de Ourense e a implicación directa da comunidade local. Nesta edición, destaca a participación especial do CEIP Plurilingüe de Seixalbo, que o venres 13 de febreiro encherá a localidade coas cores e a alegría do “Día da Rapazada”, onde máis de douscentos alumnos e profesores animarán a xornada con pasarrúas e bailes na Praza Maior.

O Entroido de Seixalbo, unha tradición con máis de 150 anos de historia, está marcado polas figuras emblemáticas de Paquita e Nicanor, personaxes que cada ano son protagonistas na festa e cuxas vestimentas se purifican no lume durante o Martes de Entroido. Este ritual inclúe a entrega simbólica das cabezas das figuras a unha parella local, coa esperanza de que os seus “poderes” garantan a continuidade da festa e a descendencia de quen as custodia. Ao longo do tempo, estas tallas foron coidadas con esmero para protexelas de posibles requisas, e algunhas pezas históricas, como a talla de Paquita de 1902, permanecen expostas todo o ano no local veciñal.

O programa arrinca o domingo 8 de febreiro co “Domingo Oleiro”, que incluirá desde a recollida de Paquita, Nicanor e Vicentiño ata xogos infantís, pasarrúas e unha chocolatada acompañada pola Charanga TATOO. O venres 13 será o Día da Rapazada, cunha festa na Praza Maior na que participarán os alumnos e profesores do CEIP Plurilingüe de Seixalbo. O domingo 15 terá lugar o “Domingo de Entroido” cunha sesión vermú, un gran cocido bacanal e un baile de máscaras, animados pola Charanga Dr. Anchoa e a Orquestra A Oca Band.

O peche chegará o martes 17 de febreiro, o “Martes de Entroido”, onde non faltarán os pasarrúas, o pregón na Praza Maior, a festa das comparsas, a tradicional orellada e a queima dos mecos, todo iso acompañado pola música das charangas Brexit e Sorcha, ademais do DJ Deluxe.

PROGRAMA COMPLETO DEL ENTROIDO DE SEIXALBO 2026

⚙ Configurar cookies
0.081795930862427