Sete empresas ourensás benefícianse dos Bonos Talento Empresa da Xunta

OurenseXa
En total, o Goberno galego destina na provincia arredor de 150.000 euros que permiten poñer en marcha 14 accións formativas non regradas
bono-talento-empresa-ramiras
1 Apr 2026

O delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, visitou esta mañá o concello de Ramirás acompañado pola alcaldesa, Isabel Gil, para coñecer de preto o funcionamento da panadería Panalen S.C., unha das sete entidades ourensás beneficiarias da convocatoria de 2025 dos Bonos Talento Empresa.

Este programa, impulsado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, conta cun investimento global na provincia que supera os 150.000 euros e permite poñer en marcha 14 accións formativas non regradas, de curta duración e adaptadas ás necesidades específicas de cada empresa participante.

No caso de Panalen S.C., a axuda ascende a 25.000 euros e destínase á realización dun curso de 80 horas de duración centrado no ámbito dixital, no que participan 14 persoas. A formación inclúe a introdución de tecnoloxías especializadas en intolerancias aplicadas ao sector da panadaría, co obxectivo de mellorar a súa capacidade de adaptación ás demandas actuais do mercado.

Manuel Pardo explicou que este tipo de iniciativas permiten mellorar as competencias do persoal nas empresas galegas, incidindo en ámbitos como a dixitalización, a xestión, os servizos ao cliente, a industria ou o uso eficiente dos recursos. Ademais, subliñou que os proxectos formativos, de carácter presencial e cunha duración flexible, poden adaptarse tanto en contidos como en metodoloxía e persoal docente segundo as necesidades de cada empresa. “Deste xeito, búscase que as empresas poidan dar unha resposta áxil nun contexto laboral en constante cambio, especialmente ante os retos da transición dixital e ecolóxica”, sinalou o delegado.

Durante a visita, o representante autonómico destacou tamén que programas como os Bonos Talento Empresa contribúen a impulsar novas fórmulas de formación, apostando por aprendizaxes máis breves e flexibles que favorezan a adaptación ao mercado laboral. Neste sentido, incidiu en que a formación é clave para atender ás necesidades concretas das empresas galegas e, ao mesmo tempo, reforzar as capacidades do seu persoal, promovendo a actualización continua e a reciclaxe profesional.

0.12228393554688