Sumar pide á Xunta que actúe ante os casos de violencia machista rexistrados na provincia de Ourense

Movemento Sumar Galicia manifesta “a súa máis rotunda condena ante os episodios de violencia machista ocorridos nas últimas semanas na provincia de Ourense” e esixe á Xunta de Galicia que asuma responsabilidades ante o abandono institucional das vítimas.
No caso de O Barco, trátase dunha muller que acudira ata en tres ocasións ao CIM (Centro de Información á Muller), sen que se activara ningún mecanismo de protección eficaz (segundo os informes xudiciais coñecidos).
En Verín, a vítima xa estaba incluída no sistema VIOGEN e foi atacada polo seu agresor (que tiña unha orde de afastamento) con arma de fogo e na rúa.
“Ambos casos, ademais de evidenciar o fallo estrepitoso do sistema de protección, poñen en cuestión a efectividade das medidas xudiciais así como o control sobre a posesión e circulación de armas na comarca”, denuncia.
Para Sumar, “o sistema está a fallar e a Xunta de Galicia e o Partido Popular seguen a desmantelar os servizos de atención á violencia machista”.
Neste eido, Rocío Núñez, secretaria de Igualdade de Movemento Sumar Galicia, denuncia que “non hai medios suficientes” e que o persoal que atende ás mulleres en todas as estancias “non está suficientemente formado”.
Movemento Sumar Galicia esixe así unha revisión urxente do sistema VioGen (que actualmente ten activados 532 casos) asegure unha protección real e efectiva das vítimas. O reforzo inmediato dos CIMs incluíndo dotación de persoal que asegure o acompañamento dende o inicio do proceso e unha atención integral. Políticas activas de sensibilización nos concellos rurais, con campañas públicas e traballo en rede coas asociacións de mulleres e recursos económicos suficientes para garantir unha vida libre de violencias.
Núñez destacou tamén a necesidade dunha ”mellor comunicación entre os actores que forman parte do sistema de atención, información, seguridade e protección contra as violencias machistas”.