Taboadela impulsa o seu primeiro Mercado de Nadal con artesanía, gastronomía e actividades familiares

O pavillón de deportes de Taboadela converterase este domingo 21 de decembro no epicentro da programación festiva do municipio coa celebración do I Mercado de Nadal, unha xornada que combinará postos artesanais, propostas gastronómicas e actividades para todas as idades. O evento abrirá as súas portas a partir das 11.00 horas.
Ao longo do día, as persoas asistentes poderán visitar unha variedade de postos nos que se ofrecerán produtos de cestería, pintura, cerámica, bisutería, xoiería, mel, doces artesáns, alimentación, así como libros de segunda man, roupa vintage, pezas restauradas, velas artesanais, abalorios e incluso un posto con finalidade solidaria.
Durante toda a feira estará activo un obradoiro especial no posto de ‘Mary Artesanía e Bisutería’, pensado para quen queira achegarse á creación artesanal. Pola tarde, a programación incluirá actividades pensadas especialmente para os máis pequenos. Ás 16.00 horas arrancará a festa infantil coa apertura dos inchables, ás 17.00 horas está prevista a chegada de Papá Noel, e ás 18.00 horas celebrarase unha chocolatada popular. O evento pechará arredor das 19.00 horas.