Taboadela inicia este luns a VI edición da súa Semana Cultural

O Concello de Taboadela dá comezo este luns 25 de agosto á VI edición da súa Semana Cultural, unha cita que se estenderá ata o domingo 31 de agosto con música, teatro e actividades para todas as idades. Durante estes días, o municipio converterase nun espazo de encontro e lecer para veciños e visitantes.
As actividades comezarán o luns 25 de agosto ás 22:00 horas coa actuación do grupo Atlanticides na Praza do Concello. O martes 26 de agosto haberá un espectáculo infantil a cargo de Galina Xosefina ás 19:00 horas na piscina, seguido do concerto de Os da Rabeda ás 22:00 horas, tamén na Praza do Concello.
O mércores 27 de agosto, os máis pequenos poderán gozar do espectáculo Misión Froitas ás 18:30 horas na piscina. Xa pola noite, ás 21:00 horas, a Escola de Teatro ofrecerá unha representación na Praza do Concello, antes do concerto de Miguel Cerqueiras, que comezará ás 22:00 horas no mesmo lugar.
O xoves 28 de agosto terá lugar o Torneo FIFA ás 18:00 horas na Praza do Concello, e a xornada pecharase co concerto de Amorous ás 22:00 horas.
O venres 29 de agosto comezará cun Torneo de Paintball ás 17:00 horas nas inmediacións do pavillón deportivo. Pola noite, a música volverá á Praza do Concello co concerto de Gin Toni’s ás 22:00 horas.
O sábado 30 de agosto estará protagonizado pola actuación do grupo As Lembranzas, que ofrecerá o seu concerto ás 22:00 horas na Praza do Concello.
Finalmente, o domingo 31 de agosto celebrarase o concerto da Charanga Sorcha ás 18:00 horas, acompañado durante todo o día pola tradicional feira de artesanía e un xantar popular na Praza do Concello.