Taboadela organiza un coloquio reflexionar sobre a violencia de xénero no marco do 25N

O Concello de Taboadela sumará un ano máis ás actividades polo 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, cun coloquio aberto que se celebrará o martes 19 de novembro ás 18:00 horas na Casa da Cultura.
Baixo o formato próximo e participativo de “coloquio con café e galletas”, a actividade pretende crear un espazo de diálogo e reflexión sobre como previr e actuar fronte á violencia de xénero, especialmente no medio rural.
No encontro participarán profesionais da Garda Civil, do Centro de Información á Muller (CIM) de Barbadás, da Subdelegación do Goberno e do propio Concello de Taboadela, co obxectivo de ofrecer información, resolver dúbidas e fomentar a implicación da veciñanza.
Desde o Concello destacan que se trata dunha actividade aberta a toda a cidadanía, pensada para escoitar, compartir e aprender en común, nun ambiente próximo e acolledor. “Porque falar axuda, entender axuda… e entre todas e todos podemos facer que Taboadela sexa un lugar máis xusto e libre de violencia”, sinalan dende o Goberno municipal.