Tecnópole acollerá o vindeiro 11 de xuño unha xornada sobre ciberseguridade no tecido empresarial

Está organizada polo Nodo CiBER.gal como unha actividade previa á V edición do encontro anual que celebrará a entidade en novembro
tecnopole-recurso
3 Jun 2025

O Nodo CIBER.gal, impulsado pola Xunta de Galicia, organiza o próximo 11 de xuño, a xornada ‘Galicia cibersegura: protexendo o Tecido Empresarial’. Este evento, que terá lugar no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en San Cibrao das Viñas é unha actividade previa ao Encontro CIBER.gal, que este ano celebrará en novembro a súa quinta edición.

A xornada está coorganizada co Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) e en colaboración coas entidades adheridas ao Nodo e relacionadas co ecosistema galego de ciberseguridade. Os interesados en participar poden inscribirse de xeito gratuíto a través da ligazón:
https://ciberseguridadegalicia.gal/gl/cibergal/eventos/galicia-cibersegura-protexendo-o-tecido-empresarial.

Os asistentes disporán dun servizo de desprazamento gratuíto desde Ourense ata o lugar da xornada. Aquela persoa interesada en facer uso do mesmo, pode indicalo no propio formulario de inscrición

Este encontro está destinado, principalmente, ao tecido empresarial e industrial e céntrase en aspectos de actualidade como as novidades normativas en materia de ciberseguridade, a ciberseguridade no ámbito do tecido industrial, as novas oportunidades de financiamento e en como as empresas poden protexerse eficazmente ante a ciberdelincuencia. Así mesmo, incluirá unha sesión específica sobre ciberseguridade nos vehículos conectados. O evento contará, ademais, cunha pausa para café destinada ao networking.

PROGRAMA

A xornada comezará co relatorio NIS2: Como saber se a túa empresa está preparada para as novas obrigacións en ciberseguridade? , a cargo de Roberto Barata, presidente do ISMS Forum, e continuará co panel A seguridade dixital no tecido industrial ourensán, no que participarán, Benjamín Pérez de Aceites Abril e Pablo Aranda de Roberto Verino.

Na segunda parte do encontro, o sarxento primeiro da Garda Civil Antonio Vázquez falará sobre a Evolución e impacto da ciberdelincuencia no tecido empresarial de Ourense e Héctor Laíz do INCIBE exporá as Oportunidades de financiamento para mellorar a ciberseguridade das empresas. Na recta final da xornada, terá lugar o panel Como blindar a túa empresa fronte ao desafío da ciberseguridade?, no que participarán Manuel Santamaría de Tarlogic, Efrén Varón de DLTCode e Paz Cariñena de dooingIT, así como o relatorio de Azuzena Hernández de EUROCYBCAR sobre A ciberseguridade no vehículo conectado.

⚙ Configurar cookies
0.16730499267578