Tecnópole contará cun laboratorio transversal para coordinar a ciberseguridade en Galicia

Estará integrado no Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que se está a construír actualmente en San Cibrao das Viñas
tecnopole-recurso
11 Jun 2025

O director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Julián Cerviño Iglesia, inaugurou esta mañá no Parque Tecnolóxico de Galicia Tecnópole a xornada ‘Galicia cibersegura: protexendo o tecido empresarial’. Durante a súa intervención, o director da axencia autonómica destacou que xa está publicada a licitación dun acordo marco para a dotación dun laboratorio transversal que estará integrado no Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia (CECIGA) que se está a construír en Tecnópole.

Trátase dun laboratorio e centro demostrador que terá entre os seus obxectivos a coordinación da rede de laboratorios sectoriais sobre ciberseguridade no transporte intelixente, espazo aéreo para vehículos non tripulados ou tecnoloxías 5G e 6G. Tamén acollerá actividades para promover a implantación de tecnoloxías relacionadas coa seguridade das TIC, así como a protección de infraestruturas críticas e sistemas industriais. O investimento previsto para os dous primeiros anos é de 8,7 millóns de euros. Julián Cerviño destacou a importancia de que Ourense acolla o CECIGA.

O programa de hoxe centrouse na ciberseguridade nas empresas, con intervencións sobre novas normas, a seguridade dixital no tecido industrial ourensán, a evolución da ciberdelincuencia, as oportunidades de financiamento, os sistemas para blindar as empresas ou a ciberseguridade no vehículo conectado.

A xornada en Tecnópole forma parte da programación da quinta edición do Encontro Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, que celebrará a súa actividade central os días 5, 6 e 7 de novembro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

⚙ Configurar cookies
0.16644787788391