Textil Lonia afrontará dúas novas xornadas de folga o 14 e 15 de xaneiro en Ourense

A asemblea de persoas traballadoras de Sociedad Textil Lonia, en Ourense, acordou convocar dúas novas xornadas de folga os vindeiros 14 e 15 de xaneiro para reclamar melloras salariais e unhas condicións laborais que consideren dignas. A decisión chega tras o fracaso da última negociación coa empresa e como resposta a unha oferta que, segundo o comité e a CIG-Ourense, suporía unha perda de poder adquisitivo e non atende as necesidades reais do cadro de persoal.
Na xornada de folga do luns 5 de xaneiro, a primeira de 24 horas tras os paros parciais previos, as persoas traballadoras desenvolveron novas concentracións diante de tendas de Carolina Herrera e Purificación García na cidade.
Dende a CIG-Ourense explican que a proposta empresarial inclúe un 'plus de vinculación' ligado á antigüidade, que se traduciría nun incremento do salario base do 0,8% ao cumprir cinco anos (8,46 euros brutos ao mes), do 1% aos 10 anos, do 1,5% aos 15 e do 2,5% aos 20 anos. Para a categoría máis baixa (especialistas), estes aumentos supoñerían 8,46 euros (cinco anos), 10,58 euros (10 anos), 15,87 euros (15 anos) e 26,46 euros (20 anos) ao mes en bruto.
A secretaria comarcal da CIG-Ourense, Xulia González, asegura que a oferta 'é un insulto' e denuncia falta de vontade da empresa para avanzar no recoñecemento do esforzo do persoal. 'Non se pode falar de éxito empresarial mentres se precarizan as condicións laborais', sinalou.