Todo listo en Allariz para unha nova edición da Festa da Empanada

Allariz prepárase para celebrar unha nova edición da súa emblemática Festa da Empanada, que se estenderá dende a noite deste venres ata o domingo, 24 de agosto.
A programación deste 2025 mestura tradición e propostas actuais, con actividades pensadas para todos os públicos, e comezará este venres ás 20:30 horas cunha obra teatral, seguida dun concerto de Budiño nos Xardíns do Museo do Coiro.
O momento central chegará o sábado 23 ás 21:00 horas, coa Xornada Gastronómica nos Xardíns do Museo do Coiro, onde se poderá degustar a recoñecida empanada de Allariz. Durante toda a fin de semana, panaderías, pastelerías e locais de hostalería sumaranse tamén á festa coa venda das súas propias empanadas.
O sábado incluirá tamén o XXXIII Tríatlon Vila de Allariz, que terá lugar na Alameda ás 18:00 horas, antes da gran cita gastronómica. A festa continuará pola noite coa actuación da Orquestra Neverloura e unha sesión de Discomóbil con DJ.
O domingo 24 será unha xornada intensa, cunha programación que comezará pola mañá co tradicional pasarrúas e concerto da Banda Cultural Instructiva Unión Musical Genovesa de Valencia, e o desfile de Xigantes e Cabezudos acompañados polo grupo de gaitas De Pé Feito. Tamén terá lugar a presentación do C.D. Porén, debido aos incendios, quedou cancelada a XXXV Regata de Piragüismo Festa da Empanada.
Allariz e un partido amigable contra o C.D. Seixalvo. Xa pola tarde, o grupo Os d’Abaixo ofrecerá un concerto no campo de Vilanova, antes do baile popular coa orquestra La Oca Band.
Desde as 11:30 horas, o Campo de Vilanova acollerá a tradicional Festa Campestre, cun ambiente familiar no que non faltará o churrasco nin o polbo, e onde a entrada será gratuíta.