Todo listo para unha nova edición da Noite Moucha de Barbadás

OurenseXa
Este ano participan un total de 13 establecementos nunha noite chea de música, sorteos e descontos
presentacion-noite-moucha-barbadas
29 May 2025

O Concello de Barbadás festexa este venres a Noite Moucha, un evento que permite poñer en valor o papel do comercio local no tecido económico e social do municipio. Os 13 establecementos participantes permanecerán abertos ata as 23:00 horas, e ofrecerán descontos especiais, mesas doces, actividades e sorpresas para a poboación. “Tamén haberá animación nas rúas, como actuacións de baile, zancudos ou pintacaras”, explicou Marga Pérez, concelleira de Cultura, na presentación da cita.

Cada negocio contará cunha decoración específica, elaborada polo Concello para facilitar a identificación dos locais participantes. “Como novidade, este ano haberá sorteos de 13 bonos de 40 euros cada un para reinvertir no comercio local de Barbadás”, detallou a edila.

Gloria Martín, presidenta do Centro Comercial Aberto (CCA) A Valenzá, animou á poboación a sumarse ao evento para coñecer “todo o que temos que ofrecerlles”. Por outra banda, Martín convidou aos comerciantes a sumarse á iniciativa: “Queremos que cada ano se animen máis establecemtnos a participar”.

Nesa liña, o alcalde, Xosé Carlos Valcárcel, destacou a importancia do asociacionismo. “Hoxe en día, a formación e o asociacionismo son moi importantes no ámbito do comercio, sen iso é moi difícil traballar e ser competitivos”, asegurou. Marga Pérez tamén insistiu no papel dos establecementos: “Utilizar o noso comercio axuda a darlle vida ao concello”.

O Concello de Barbadás realiza diversas campañas de apoio ao comercio, como o concurso de escaparates do Nadal ou o Barbadás a bocados, que permite visibilizar a calidade dos negocios do municipio. “Tamén reforzamos o traballo das pemes coas formacións do Centro Empresarial Transfronterizo (CET), cos programas de emprendemento de Adercou ou coas campañas que facemos, que intentamos acompasar ás que fai a Xunta”, apuntou.

⚙ Configurar cookies
0.15627384185791