Toén contará por primeira vez cunha Festa do Maior

O Concello de Toén organiza a primeira edición da súa propia Festa do Maior, unha xornada especial para render homenaxe ás persoas maiores do municipio, recoñecendo a súa experiencia, forza e dignidade. O evento terá lugar o 25 de abril no Pavillón do CEIP Saco e Arce, a partir das 12:00 horas, e está dirixido a todas aquelas persoas maiores de 65 anos.
A celebración comezará cunha misa solemne na que participarán a A.C. Breogán de San Pedro de Moreiras e a Agrupación Zoar do Vento de Toén, continuando ás 14:00 horas cun xantar que incluirá cocido completo, bica, viño D.O. Ribeiro e licores, co que se completará a sobremesa amenizada pola Charanga A Felga, para favorecer a convivencia e o ambiente festivo entre os asistentes.
As persoas interesadas en participar poderán realizar a súa inscrición a partir do martes 17 de marzo na Casa do Concello, en horario de oficina, permanecendo aberta ata o 17 de abril de 2026. O prezo do xantar será de 5 euros para empadroados e de 30 euros para non empadroados. Esta iniciativa busca recoñecer o papel das persoas maiores na comunidade e ofrecerlles unha xornada de celebración, encontro e diversión no municipio.