Toén convoca o VI Concurso de Decoración de Nadal

O Concello de Toén presenta o VI Concurso de Decoración de Nadal, aberto a participantes en tres categorías: individual, persoas xurídicas sen ánimo de lucro e escaparates comerciais.
Na categoría individual poden participar persoas físicas empadroadas en Toén maiores de idade. A categoría para persoas xurídicas sen ánimo de lucro inclúe asociacións, comunidades de montes veciñais en man común e centros públicos do Concello, como CEIP, centros de saúde, escolas infantís ou centros de día. Finalmente, a categoría de escaparates comerciais está dirixida a titulares de establecementos comerciais no municipio.
As solicitudes deben presentarse no Rexistro Xeral do Concello de Toén, na Rúa Ribadela 1, en horario de 8:30 a 14:30 horas de luns a venres, ou a través do rexistro electrónico na sede do Concello. O prazo de inscrición remata o 19 de decembro de 2025 ás 14:30 horas.
Dende o Concello explican que a decoración deberá ser visible desde o espazo público e, no caso das persoas xurídicas sen ánimo de lucro, poderá ocupar espazo público previa solicitude e autorización municipal. Non hai límites na técnica ou estilo, sempre que a temática estea relacionada co Nadal.
Os criterios de valoración inclúen creatividade, orixinalidade, combinación de elementos e cores, iluminación, composición e motivos decorativos. Haberá tres premios económicos para cada categoría.