Tres alumnos do Campus de Ourense, gañadores do II Concurso de Proxectos Emprendedores de "Inspiro"

OurenseXa
Ao redor de 182 asistentes aprenderon sobre emprendemento, innovación, persuasión e talento cos 11 relatores participantes neste encontro que aúna o ámbito laboral co educativo
premios-inspiro-2024
Gañadores do segundo Concurso de Proxectos Emprendedores
19 Abr 2024

Expourense acolleu este xoves, 18 de abril, Inspiro, o Segundo Encontro Interxeracional entre o tecido empresarial e os diferentes modelos formativos (Universidade e centros de Formación Profesional) de toda Galicia. Emprendemento, innovación e talento foron os fíos condutores deste encontro coorganizado entre Fundación Expourense e a empresa ourensá Dixital Gou que reuniu a 180 asistentes que participaron activamente no programa de conferencias impartido por unha ducia de expertos. A presentadora Lucía Rodríguez foi a encargada de presentar este encontro.

Inspiro albergou ademais a final do Segundo Concurso de Proxectos Emprendedores no que competiron 10 proxectos creados por alumnos e alumnas procedentes da Universidade de Vigo e dos centros de Formación Profesional da Farixa, Portovello e Santo Cristo de Ourense.

O proxecto gañador deste concurso foi “Clean Forests” de Antón Varela, Martín Ares e Lucas Canle, alumnos da Escola Superior de Enxeñería Informática do Campus de Ourense – Universidade de Vigo. Este primeiro premio está dotado con 500 euros e unha mentorización a cargo de DixitalGOU.

“Clean Forests” aborda a crise ambiental global mediante a “tokenización” (proceso de substituír os datos sensibles por símbolos de identificación únicos que conservan toda a información esencial dos datos sen comprometer a súa seguridade) de créditos de carbono, permitindo a empresas e individuos participar na xestión sostible de terreos e xerar beneficios económicos a través da captura de CO2. Ofrece o servizo para a creación ou obtención de bonos carbono e o servizo da súa venda ou compra a través dunha aplicación web. Ademais da compra ou venda destes créditos carbono, este proxecto ofrece a opción de obter os devanditos créditos que consistiría na plantación de árbores que absorben CO2.

O segundo premio foi para o proxecto “Krealt" de Luca Rego e Paulo Emilio Sánchez, de Enxeñería Informática da Universidade de Vigo. O segundo premio está dotado con 350 euros e unha mentorización a cargo de AEPA Ourense. Este proxecto é unha APP que permite a dixitalización do catálogo produtos de calquera empresa mediante a implementación de tecnoloxías 3D, Realidade Virtual e Realidade Aumentada de forma que pode permitirlle ao potencial cliente ver, por exemplo, como quedaría un moble na súa casa ou lle imaxe real en 3D dun prato da carta dun restaurante.

O terceiro premio  foi para o proxecto “Vida Activa” de Siry Liliani Mayo, Uxía Parente e Celsa Melissa Rodríguez, alumnas da Escola Profesional Santo Cristo de Ourense e que participaron na campaña “Aprendendo a emprender” promovida pola Asociación de Novos Empresarios AJE Ourense. Este premio está dotado con 250 euros e unha mentorización a cargo de Expourense. Este proxecto está enfocado a crear unha empresa que proporciona servizos de entretemento activo para persoas maiores en xeriátricos da provincia de Ourense.

O xurado deste concurso estivo composto tanto por representantes da Universidade de Vigo e da Escola Superior de Tecnoloxía e Xestión de Lamego (Portugal) como de empresarios do sector vinculados á innovación, a formación e o emprendemento como Aje Ourense, a Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos AEPA, a Fundación Roberto Rivas, o Polo de Emprendemento de Baños de Molgas.

A entrega de premios estivo presentada polo director xerente de Expourense e contou coa participación do deputado de Representación Institucional da

Deputación Provincial de Ourense, Rosendo Fernández; do xefe territorial da  Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Yago Borrajo; do tenente alcalde do Concello de Ourense, Aníbal Novoa; da presidenta da Confederación Empresarial de Ourense- CEO, Marisol Novoa; da Directora do Centro Galego de Innovación da Formación Profesional, Marta Vázquez e da directora provincial da Tesourería xeral da Seguridade Social, Carolina Gancedo.

Ademais da entrega de premios do concurso, Inspiro incluíu ademais o recoñecemento á traxectoria empresarial de Olga Santos, actual vicepresidenta da CEO e presidenta da Asociación de Artesáns de Ourense. Os organizadores de Inspiro quixeron recoñecer os seus anos de intenso traballo para conseguir crear un espazo e recoñecemento propios aos artesáns dentro dun competitivo mercado á vez que contribuíu á divulgación e promoción do sector artesán, promocionou os procesos de creación e achegou valor e diferenciación ás obras dos asociados. Este premio ten o obxectivo de recoñecer a súa traxectoria chea de implicación, representando, defendendo e promocionando os intereses dos artesáns, en combinación coa súa decisión de emprender.

Encontro Inspiro

A segunda edición do Encontro Inspiro contou coa participación dunha ducia de expertos que puxeron sobre a mesa temas como a necesidade da paixón e a crenza nos propios talentos para emprender en tempos de incerteza.

Inspiro 2024 arrincou coa conferencia inaugural de Fernando Salinero, consultor estratéxico especializado na construción e desenvolvemento de proxectos, que explicou “Como vender o teu proxecto e que todo o mundo cómprecho?” e ofreceu unha clase maxistral en deuna as claves para persuadir ao teu potencial cliente e deixou claro que os verbos “escoitar” e “sorrir” son claves para emprender

O programa de conferencias continuou coa intervención do mentor de produtividade empresarial Iago Fraga que repetiu experiencia tras o éxito da súa intervención na primeira edición. Falou sobre “Como brillar con creatividade cando a túa empresa máis o necesita” e explicou termos como “produtividade intelixente” para conseguir producir máis facendo menos. Tamén acla´ro que para el as “oportunidades non son trens, son penalties. Dan medo pero ata fallar é mellor que non tiralos”.

Inspiro 2024 incluíu ademais unha mesa redonda moderada polo Ceo de DixitalGou, Pablo Sanmartín, na que catro empresarios emprendedores presentaron as súas experiencias de éxito. Participaron os directivos das empresas “Smell Maniac”, “Melsacra”, “Suagongo” e o realizador audiovisual Jorge Boquete que fixeron un repaso polos seus inicios e os seus acertos e erros á hora de crear a súa empresa.

A sesión de tarde incluíu un relatorio sobre Intelixencia Artificial impartida por Alfonso Lago, CMO de Wairbot, tecnoloxía desenvolvida no Silicon Valley Vigo e outra sobre o potencial do ámbito deportivo para xerar oportunidades de emprendemento poñendo como exemplo o caso de éxito de “10METS.com”. Esta última correu a cargo de Jacobo López, directivo da Agrupación industrial Galega de Deporte e de 10mets.com, unha plataforma en liña de exercicio físico supervisada por especialistas da saúde e o exercicio.

A última dos relatorios do Encontro Inspiro foi “Raíces do Emprendemento. Crecendo Xuntos” impartida por Iago Ríos e Iria López, fundadores de Asesoría Xesta, que explicaron de forma amena a burocracia e a papelada necesaria para montar unha empresa.

O Encontro Inspiro estivo coorganizado por Expourense e DixitalGou contando co patrocinio principal da Deputación Provincial de Ourense, e coa colaboración da Xunta de Galicia (Formación profesional), Universidade de Vigo, Confederación Empresarial de Ourense (CEO), Asociación Empresarial de Profesionais e Autónomos, Asociación de Novos Empresarios de Ourense – AJE, SOC Comunicación e a Tesourería Xeral da Seguridade Social.

0.19020199775696