Tres artistas seleccionados para as primeiras residencias do Coliving do Carme en Lugo

O Coliving do Carme de Lugo acollerá durante tres meses tres proxectos artísticos seleccionados entre 27 solicitudes, co obxectivo de fomentar a creatividade, a cultura e o emprendemento artístico na cidade. As intervencións permitirán combinar disciplinas como artesanía téxtil, pintura, danza e bordado.
Os proxectos elixidos son Venera, de Marta Cuba García (A Coruña), que une danza e bordado nunha instalación sobre telas; Cancela Fermosista, de Álvaro Corral Cid (Ourense), que propón unha cancela artística inspirada na tradición téxtil galega; e Lluvia Templada, de María Susinos Sancho (Cantabria), unha instalación pictórica sobre liño que recrea efectos de choiva.
O edil de Dinamización Económica, Mauricio Repetto, sinalou que estas intervencións supoñerán “un valor engadido non só para o Coliving senón tamén para o Camiño Primitivo, o patrimonio rural e artesanal e a cultura da cidade”. O proxecto, financiado con fondos europeos, tamén ofrecerá aos artistas asesoramento en xestión de proxectos, aspectos xurídicos e fiscais, potenciando a profesionalización do sector creativo en Lugo.
Agora ábrese un prazo de dez días para presentar alegacións antes da ratificación definitiva das propostas seleccionadas.