UCIN Ourense denuncia falta de efectivos no servizo de bombeiros de Ourense

UCIN Ourense denuncia a “grave situación” que atravesa o corpo de bombeiros de Ourense e advirten da falta de persoal para garantir a cobertura mínima en cada quenda. Ademais, lembran que desde hai meses veñen denunciando a falta de pagamentos de pluses e horas extraordinarias xa recoñecidas por sentenza xudicial, así como propostas reorganización que, aseguran, “xeran incerteza no persoal e no servizo”.
Sinalan que, nos últimos meses, sucedéronse protestas, peches e concentracións “cunha mensaxe clara e compartida” para “defender a seguridade cidadá e reclamar o cumprimento dos dereitos laborais”, e lembran que segundo datos sindicais, a débeda acumulada supera varios millóns de euros, dos cales unha parte xa foi recoñecida xudicialmente.
Lembran que os bombeiros “non só desenvolven un labor técnico esencial, senón que constitúen un piar básico na seguridade e tranquilidade de todos os veciños. Recoñecemos publicamente o seu esforzo e pedimos ás administracións que actúen coa celeridade e seriedade que o problema require”.
Desde UCIN esixen unha dotación mínima de persoal asegurada e plena transparencia nos prazos de pago ao persoal. “Non podemos mirar cara a outro lado mentres os bombeiros de Ourense traballan en condicións precarias, con falta de pagamentos acumulada e sen o persoal suficiente para garantir a seguridade da cidadanía. É urxente que o Concello actúe con seriedade, acorde un calendario de pagos realista e asegure os efectivos mínimos en cada quenda. A transparencia e a responsabilidade institucional son inaprazables”, sinala coordinador de UCIN Galicia, José Luis Carlo.
Por iso, fan un chamamento ao diálogo entre o Concello e os representantes sindicais co fin de establecer un calendario claro de abono das cantidades pendentes, garantir a cobertura mínima de efectivos en cada quenda operativa e explorar medidas de mellora que non menoscaben a calidade do servizo.