Última semana para colaborar na 39 edición da Operación Quilo organizada pola Asociación Xuvenil Amencer

OurenseXa
A recollida de alimentos, xoguetes, roupa e donativos remata este venres 19 de decembro
operacion-quilo-asociacion-xuvenil-amencer
16 Dec 2025

A Asociación Xuvenil Amencer lembra á sociedade ourensá que esta é a última semana para colaborar coa 39ª edición da Operación Quilo 2025, unha campaña solidaria destinada a axudar ás familias en situación de pobreza da cidade. A recollida de alimentos, xoguetes, roupa e donativos remata este venres 19 de decembro.

Ata este día, todos os cidadáns de Ourense teñen a oportunidade de aportar a súa colaboración deixando alimentos non perecedoiros nos carriños distribuídos na maioría dos supermercados da cidade. Ademais, existen máis de 300 establecementos con petos para donativos e caixas habilitadas en diversas entidades e organizacións para facilitar as achegas.

A campaña tamén permite que os membros de entidades, sociedades ou asociacións se impliquen de forma activa, xa sexa facendo donativos, organizando eventos para recadar alimentos ou colocando recipientes na súa sede social para recoller aportacións dos seus socios ou usuarios.

A Asociación Xuvenil Amencer destaca que o sábado 20 dará por finalizada oficialmente a campaña, deixando de autorizar recollidas en supermercados, empresas e domicilios particulares. A partir dese momento, só permanecerán os petos no pequeno comercio local e algunhas iniciativas deportivas, cuxos fondos e alimentos recadados serán destinados á Operación Quilo do próximo decembro.

⚙ Configurar cookies
0.084995031356812