Últimos días para anotarse no concurso de comparsas e disfraces de Entroido de Pereiro de Aguiar

O Concello do Pereiro de Aguiar ten abertas ata este martes, 10 de febreiro, as inscricións para participar no concurso de comparsas e disfraces para o Entroido 2026, dirixido a persoas e grupos que queiran participar no desfile que se celebrará o sábado 14 de febreiro ás 17:30 horas.
O concurso inclúe catro categorías: comparsas de máis de 20 participantes, con premios de 500 euros para o primeiro, 300 para o segundo e 170 para o terceiro; comparsas de entre 3 e 20 participantes, con premios de 250, 150 e 125 euros respectivamente; individuais ou parellas, que optan a premios de 100, 75 e 60 euros; e a categoría infantil, que premiará con vales de xoguetería de 75, 60 e 40 euros para os tres primeiros postos.
Ademais, todos os participantes que non obteñan premio recibirán axudas económicas para recoñecer a súa participación, que ascenden a 150 euros para comparsas grandes, 100 para as medianas e 50 para individuais ou parellas. En total, o Concello repartirá 2.485 euros en premios e axudas.
O xurado valorará aspectos como a posta en escena, a sátira, a animación musical, a creatividade e a elaboración do vestiario para elixir aos gañadores.