Un acto na Casa do Pobo de Ourense puxo en valor a figura de Nevenka Fernández como exemplo de valentía

O PSdeG-PSOE de Ourense abriu un venres máis as portas da Casa do Pobo ás ourensás e aos ourensáns para celebrar un novo parladoiro, que nesta ocasión contou coa ex voceira do PSOE en Ponferrada, Charo Velasco García. Un acto no que se analizou a figura de Nevenka Fernández, cando se cumpren 22 anos da primeira condena por acoso sexual na política en España.
Nunha sala completamente ateigada de persoas, Velasco García aproveitou para analizar polo miúdo o caso e as súas vivencias persoais naquel momento, cando era voceira do PSOE na oposición. “Nevenka, concelleira entón do PP, púxose en contacto días antes de falar cos medios para contarme o calvario que estaba vivindo co por aquel entón alcalde de Ponferrada, Ismael Álvarez, que a acosaba laboral e sexualmente”, explicou Charo Velasco.
Transcorría marzo de 2001 cando esta situación de acoso veu a luz, despois da denuncia pública de Nevenka Fernández, que xa en 2000 solicitara a baixa laboral por mor da situación que estaba padecendo. A sentencia deuse a coñecer o 30 de maio de 2002 e impuña a Álvarez a pena mínima, sen embargo, tal e como apuntou Velasco García “supuxo un antes e un despois, xa que foi a primeira vez que un político era condenado por acoso sexual”.
O acto contou con numerosas intervencións do público asistente, que quixo coñecer máis polo miúdo as circunstancias acontecidas no caso e as vivencias da poñente en primeira persoa. Charo Velasco aproveitou as numerosas preguntas das e dos asistentes para pór en valor a figura de Nevenka da que afirmou “foi unha muller moi valente, porque iso mesmo que lle acontecía a ela sucedíalle tamén a moitas outras mulleres de España e do mundo, nunha época na que había moitos menos instrumentos para loitar contra o acoso sexual e a violencia de xénero”.
“Hai que destacar o traballo do PSOE na loita contra a violencia de xénero, xa que foi con presidentes socialistas cando se deron paso na loita contra esta lacra tan presente na sociedade”, subliñou Charo Velasco, que tamén lembrou que “foi da man de Zapatero cando se aproba a Lei contra a violencia de xénero e se dota de instrumentos xurídicos e sanitarios para enfrontarnos ao tema e protexer á muller”. Neste senso tamén puxo en valor que “contar a historia de Nevenka pode servir de referencia para moitas mulleres que están pasando unha situación similar e que deste xeito se animen a denunciar”.
Durante o parladoiro tamén se desenvolveron diversos temas de interese como os avances na lexislación, o papel do PSOE na loita contra a violencia de xénero, a importancia de educar en valores, a influencia dos medios, a necesidade de contar con exemplos nas institucións e como reflicten estas situacións na contorna laboral.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense destacan que estes actos abertos á cidadanía seguirán desenvolvéndose en 2025 e que aposta do partido “segue sendo abrirse á cidadanía e ofrecerlles a Casa do Pobo, como punto de referencia para o diálogo e a interacción, así como o análise de temas de relevancia para a sociedade ourensá”.