Un centenar de expertos reúnense en Ourense na primeira edición do Congreso CoDi

O campus de Ourense acolle esta semana a primeira edición do Congreso de Divulgación, Transferencia e Impacto Social da Ciencia (CoDi), que se celebra entre o mércores e o venres. Este evento, organizado pola Universidade de Vigo en colaboración con Ediciones Profesionales de la Información SL, reúne a máis dun cento de participantes procedentes de sete países (España, México, Brasil, Portugal, Francia, Italia e Romanía). O seu principal obxectivo é impulsar o intercambio de coñecementos e promover a divulgación científica e a transferencia de resultados entre a comunidade académica e a sociedade.
A programación inclúe catro conferencias, 39 comunicacións e 14 pósters. Entre os asistentes atópanse expertos en divulgación científica e transferencia de coñecemento vinculados a universidades públicas, bibliotecas, centros de investigación e diversas fundacións. CoDi preséntase como un espazo de reflexión crítica, colaboración e intercambio de ideas entre profesionais de distintas disciplinas. A través desta iniciativa, as entidades organizadoras pretenden profundar no papel que a ciencia desempeña no benestar social e abordar os retos éticos e sociais que xorden co avance científico.
Tres días de actividades
O congreso comezou o mércores pola tarde no Edificio de Ferro do campus de Ourense. Durante a inauguración, Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo e presidenta dos comités científico e organizador, destacou a importancia de comunicar a investigación de maneira clara e accesible. Pola súa parte, José Rúas, coordinador do congreso e profesor da Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra, salientou a necesidade de que a comunidade científica comparta os seus coñecementos coa sociedade, superando as barreiras xeradas polo uso excesivo de tecnicismos.
Ernesto Pedrosa, presidente do Consello Social da UVigo, expresou o seu desexo de que este encontro contribúa a reforzar a divulgación científica dende a universidade cara á cidadanía. Tamén interveu Tamara Silva, concelleira de Educación de Ourense, quen subliñou a importancia de trasladar os avances científicos á sociedade e agradeceu que a cidade fora elixida para acoller este evento.
Tras a apertura oficial, o programa arrancou cunha conferencia titulada Ciencia de primeira plana, impartida por Eduardo Rolland, xornalista e guionista audiovisual. A xornada completouse con dúas mesas redondas centradas no papel das unidades de cultura científica e a transferencia de coñecemento en Galicia, e unha terceira mesa sobre a implicación das institucións na mellora da transferencia científica.
O segundo día comezou cunha conferencia sobre o uso da intelixencia artificial na comunicación científica, impartida por Óscar Huertas, responsable de Comunicación e Divulgación do Instituto DaSCI-UGR. A xornada pecharase cun espectáculo de divulgación científica titulado La chispa mágica, a cargo de Manuel Vicente e César Goldi, que terá lugar no Auditorio Municipal e estará aberto ao público.
O congreso finalizará o venres cunha intervención de Félix de Moya Anegón, do SCImago Lab, sobre os indicadores de impacto social das revistas incluídas no SCImago Journal Rank. Para concluír, entregaranse os premios aos mellores pósters do evento, presentarase un resumo das conclusións e celebrarase o acto de clausura oficial.