Un centenar de persoas participaron nas celebracións do Día de Rosalía en Celanova

OurenseXa
A Fundación Curros Enríquez foi, un ano máis, o epicentro dunha xornada que honrou o legado da escritora
dia-de-rosalia-celanova
1 Mar 2026

Celanova sumouse este pasado venres á celebración do aniversario do nacemento de Rosalía de Castro cunha xornada na que a literatura e a gastronomía foron protagonistas. Un centenar de persoas achegáronse á Fundación Curros Enríquez para degustar o “Caldo de Gloria”, elaborado pola Asociación de Amas de Casa Ilduara, e desfrutar de música tradicional da man da Agrupación Lembranza Solpor e da Banda de Gaitas de Celanova.

A iniciativa enmárcase no proxecto da Fundación Rosalía de Castro e a Fundación Curros Enríquez para poñer en valor a obra da escritora e implicar á hostalería local na súa difusión. Este ano, 23 establecementos da vila, entre restaurantes, cafeterías e taperías, sumáronse á proposta, ofrecendo o caldo baseado na receita que Rosalía describe no poema “Miña casiña, meu lar”. Nos restaurantes, o “Caldo de Gloria” estivo incluído na carta do día, mentres que bares e tabernas ofrecérono aos clientes como acompañamento dunha bebida.

Durante a celebración, os asistentes tamén puideron escoitar a lectura do poema de Rosalía de Castro, acompañada da actuación musical, e acceder a salvamanteis con fragmentos do poema, distribuídos pola Fundación Curros Enríquez.

A xornada, sinalan dende a Fundación, destacou pola ampla participación cidadá e pola colaboración do sector hostaleiro, que apoia iniciativas culturais nas que a literatura ocupa un papel central.

0.12841200828552