Un convenio permite entre ADO e a Xunta permite a incorporación de persoas con discapacidade intelectual ás escolas infantís de Ourense

A colaboración entre a Consellería de Política Social e Igualdade e a Asociación de Persoas con Discapacidade de Ourense (ADO) fixo posible que unha nova traballadora se incorpore en outubro á Escola Infantil Antela de Ourense para realizar prácticas formativas non remuneradas como técnica especialista en xardín de infancia.
Este acordo busca impulsar a inclusión sociolaboral das persoas con discapacidade intelectual a través da formación práctica e do acompañamento, reforzando así as súas competencias profesionais e facilitando o acceso ao mercado laboral.
Durante a visita á escola, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, destacou o valor desta iniciativa e puxo en relevo o traballo de ADO, “que cada día mellora a vida das persoas usuarias e ofrece apoio ás súas familias”. A asociación presta servizos como atención diúrna e ocupacional, atención terapéutica, orientación ás familias e actividades de intervención comunitaria.
Pardo recalcou ademais que o obxectivo do Goberno galego é manter a colaboración co tecido asociativo e reforzar os recursos dispoñibles para as persoas máis vulnerables. “O Goberno autonómico seguirá a traballar man a man para que as persoas máis vulnerables dispoñan dos recursos que necesitan para desenvolver o seu proxecto de vida”, afirmou.